Florencio Delgado Gurriarán regresa á súa casa cunha mostra en Vilamartín de Valdeorras

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Presentación da exposición en Vilamartín de Valdeorras
Presentación da exposición en Vilamartín de Valdeorras Cedida

«Compromiso na distancia» estará no Santa Lucía ata o 29 de maio

10 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Florencio Delgado Gurriarán era de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, e por iso no municipio hai meses que o seu legado latexa máis forte que nunca. A unha semana de que se lle dedique o Día das Letras Galegas chega ao concello valdeorrés unha exposición que repasa a vida e a obra do poeta. Trátase da mostra itinerante Compromiso na distancia que se poderá visitar ata o 29 de maio no Centro Cultural de Santa Lucía e que levará o legado de Delgado Gurriarán por dez localidades galegas ata decembro deste ano.

Na inauguración da mostra estivo presente o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, e tamén o alcalde de Vilamartín, o socialista Enrique Álvarez. «Este tipo de iniciativas estannos situando culturalmente no mapa e é fantástico. A xente que ven a Valdeorras está preguntando por Córgomo e agora poderán coñecer un pouco máis en profundidade a Florencio», afirmou o rexedor.

«Esta exposición supón un gran paso para descentralizar a actividade das Letras e promover o legado de Florencio Delgado Gurriarán en distintos lugares de Galicia», salientou o secretario xeral de Cultura, que recalcou a importancia de escoller como primeira parada da mostra a vila natal do autor. «Vilamartín ten especial protagonismo na programación desta exposición», confesou.

Compromiso na distancia é unha colección que consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións. O texto central e a documentación correron a cargo de Héctor Cajaraville, que inclúe pezas baseadas no libro publicado por Xerais, Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor valdeorrés. Son imaxes orixinais en branco e negro, que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

Tras o seu paso por Vilamartín de Valdeorras, a mostra percorrerá diferentes localidades da provincia como Ourense, O Barco e Celanova e outras galegas como Santiago de Compostela, A Coruña, Chantada, Vigo, Lugo e Pontevedra.