Stajánov (Alekséi)

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

01 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Oxoves foi o Día Mundial da Seguridade e da Saúde no traballo. A provincia ten uns ratios de accidentes laborais mortais que nos sitúan entre os primeiros do Estado. Cada ano morren no emprego da orde de 6 traballadores en Ourense. Razón de peso para que os sindicatos e colectivos que representan ás persoas que teñen un emprego asalariado formal ou informal na provincia, reivindicasen de forma conxunta o Primeiro de Maio coa mensaxe de ningún accidente laboral máis.

Os servizos de prevención na provincia dos salarios máis baixos de España contan con recursos moi limitados para facer o seu traballo. A aceleración que supuxo a pandemia nas novas formas de organización laboral, en concreto do teletraballo ou nas plataformas, require abordar estes riscos específicos, especialmente o seu impacto no plano psicosocial. Precísase ampliar os recursos humanos e materiais da Inspección de Traballo e dos organismos técnicos como o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo.

Temos como traballadoras que estar atentos á futura Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2022-2027 porque, literalmente, vainos a vida nela.

Hoxe, Primeiro de Maio, Día Mundial das Traballadoras, a conciencia de clase queda diluída entre reformas laborais, unha inflación que se mantén elevada e uns servizos públicos en barrena.

A frase de Margarita Thatcher: «Non existe a sociedade (clase), tan só individuos, homes e mulleres» zumega polo taco de vinte minutos cando ves a forza laboral engatillada aos teléfonos. Atrás quedan os tempos de Stajánov, heroe mineiro que mellorou os métodos de extracción de carbón nunha sorte de lean manufacturing, para facer un país. Un sólido alicerce de clase traballadora. Hoxe o traballador nihilista pasa a quenda entre pantallas de produtividade. A lóxica da Thatcher fíxonos crer que somos clientes internos entre nós e que só hai relacións de prezo, e non de valor. Todo se pode ir negociando e taxando salvo os valores de solidariedade e cooperación altruísta, que quedan como unha auto-foto nunha rede de masas.

Nestes tempos de incerteza e de relacións laborais efémeras, aquelas persoas traballadoras que manteñen a confianza e que encontran a mellor maneira de avanzar camiñando xuntas, teñen que saír a facerse escoitar o Primeiro de Maio.