De aquí nun ano

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

28 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Falta pouco máis dun ano para as eleccións municipais. A min dáme certa preguiza porque, aínda que semella que vivimos todo o ano en campaña electoral, son consciente de que á volta do verán isto vai ser horroroso. Os 15 días da campaña oficial van vir precedidos de seis longos meses de precampaña. Os que están afanaranse en repetir incansables (e ata o cansazo) o moito que fan e levan feito... e sobre todo que farán se os votantes lle dan o apoio para seguir. E os que aspiran a estar [no goberno] van contar o nada que levan feito os que unhas liñas máis arriba non se cansan de dicir que traballaron arreo. Vannos querer facer comulgar con rodas de muíño, que se di na miña terra. Vamos, que van intentar que traguemos con todo. E haberá quen trague, porque só así se entende a historia política desta provincia. Pero a ver se vai espertando a veciñanza e Ourense deixa de ser a terra sen futuro, a que esmorece, na que atopar traballo é cada vez máis difícil, na que as infraestruturas seguen sendo unha materia pendente, na que as estradas apenas levaron cambios desde que as herdamos dos romanos, na que a pirámide de poboación está facendo o pino e é moito máis fácil atopar un centenario que un bebé. Que non hai imaxe máis bonita que a dos bisavós con boa saúde collendo no colo aos novos membros da familia. Pero eses colos están baleiros. Non hai meniños. Mais non é só culpa dos políticos. Por fortuna, cada catro anos temos a oportunidade de mudar o que non nos gusta. Como din os vellos, de aquí nun ano. De aquí nun ano igual empeza o futuro de Ourense.