A presentación de «Valente epistolar» serviu para amosar ao Risco poeta e afondar na relación entre os autores
26 abr 2022 . Actualizado a las 20:00 h.O escritor e profesor Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, presentaba hai pouco máis dun mes en Compostela a súa obra «Valente epistolar». A publicación recolle textos do intercambio de cartas entre Valente e unha chea de autores. De Cernuda a Cela ou Dieste. E entre eles Vicente e Antón Risco. A presentación do libro en Ourense celebrouse cun roteiro reivindicativo con paradas ante o busto de Risco, a rúa de Valente, o Campus —onde se lembra a Antón Risco— e a Praza das Mercedes. No centro Valente foi onde se presentou o libro. Segundo Xosé Rodríguez, secretario da Fundación Risco, a xornada tivo un claro carácter reivindicativo. «No libro aparecen máis textos de Antón Risco que de Vicente por cuestións obvias: Valente e Antón mantiveron amizade de toda a vida, porque xa a había entre as familias Valente e Risco. Tamén foi unha actividade para visibilizar unha das facetas menos coñecidas de Vicente Risco, que é a de poeta». Rodríguez lembrou que Valente admirada ao galeguista e a el están dedicadas as «Cantigas do alén». Dende a fundación que mantén vivo o legado do membro da Xeración Nós incidiuse no feito de que «Ourense aínda ten que reivindicar a Valente e, en conxunto, a estas tres figuras».