Quita de aí eses fumes

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

20 abr 2022 . Actualizado a las 11:06 h.

Non peco, ou iso creo, de ser o que unha veciña chama os escallá, a forma coa que se refire aos que viven no estranxeiro e que, cando volven ao rural, empezan todas as frases cun «es que allá» que da paso ás odiosas comparacións nas que sempre Ourense (ou Galicia en xeral) queda mal parado. E como aquí pecamos de certo complexo histórico de inferioridade, pois temos comulgado con rodas de muíño moito tempo. Pero ás veces só fai falta moverse uns poucos centos de quilómetros para comprobar que «é que aquí» hai cousas que funcionan mellor. Podería citar un lote de dereitos que temos como sociedade, pero hoxe destaco a lei antitabaco. Recordo que cando tiña 20 anos ao volver de saír de noite tiña a sensación de durmir nun cinceiro do cheiro que collía o pelo. Coa lei, os fumadores seguiron tendo o dereito a botar un cigarro cada vez que lle petase e eu deixei de ser involuntaria fumadora pasiva. Porque sexamos realistas, non había bares sen fume mentres non estivo prohibido. E, por certo, non pechou nin un só por ese motivo, como tampouco o fixeron os estancos ou as tabaqueiras. Quedaron as terrazas. E se algo bo tivo a pandemia do coronavirus (por máis voltas que lle dou, creo que foi o único positivo) é que se prohibiu fumar nelas. Os fumadores seguen a ter o seu dereito, e os demais imos gañando espazos públicos. Espero que os que mandan non se deixen achantar e non perdamos dereitos adquiridos. Porque con cruzar a raia unha ve que escallá a cousa está peor: parques infantís cheos de cabichas, cigarros acesos nos restaurantes... Volta ao peor do 2000.