Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia: «Melloramos moito en infraestruturas e o AVE vai potenciar Ourense»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Para o veterano político ourensán o reto do futuro debería pasar «por aproveitar a nosa riqueza termal»

03 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Anda ás présas Miguel Ángel Santalices Vieira (Bande, 1955) porque sae axiña no AVE para asistir en Sevilla ao congreso do Partido Popular. A segunda autoridade de Galicia inauguraba hai uns días a mostra O poder da palabra, a exposición que se creou para conmemorar os corenta anos do Parlamento de Galicia, efeméride que se celebrou no 2021. O presidente da Cámara galega é un dos deputados máis veteranos na institución da rúa do Hórreo: dende o ano 1997 é cargo electo pola provincia de Ourense. Foi portavoz de Sanidade do seu grupo, vicepresidente primeiro e o 26 de xaneiro do 2016 resultou elexido presidente da institución.

—Máis de catro décadas despois, cal é a valoración do acadado?

—A nosa realidade actual está moi ligada á importancia do Estatuto de Autonomía e, como consecuencia, do noso autogoberno. Conseguíronse moitas cousas, como comunidade autónoma, e salientaría sobre todo as de sanidade e educación. Antes, na época do Insalud, a xestión era desastrosa, os médicos non tiñan nin onde atender á xente e facíano nas casas ou en espazos precarios porque non había centros de saúde. E, no noso caso, tiñas que andar mendigando para que che atenderan aos pacientes en Valdecilla ou na Paz, aproveitando a presenza de médicos galegos alí.

—Catro dos sete presidentes do Parlamento, ata a data, foron de Ourense. É a compensación que nos dan polo escaso peso que temos no Goberno galego?

—Non. É porque temos unha sensibilidade especial á hora de buscar consensos e facilitar o entendemento entre as partes. E teño que lembrar que entre eses catro ourensáns está a primeira presidenta: Dolores Villarino.

—Deixaremos algún día de xogar na segunda división con respecto a Cataluña e Euskadi?

—Nós temos unha forma máis prudente de reivindicar as competencias. Reclamar por reclamar non é o noso. Somos un pobo moi seguro á hora de xestionar e estamos moi valorados no resto do Estado.

—Leva vintecinco anos de deputado. Que gañou a provincia neste tempo?

—Melloramos moito en infraestruturas e servizos, e o AVE vai potenciar Ourense. Agora que por fin chegou é importantísimo aproveitalo para a nosa oferta termal. No meu caso unha das loitas, que é un legado do doctor Rodríguez Míguez, é conseguir que o sistema nacional de saúde inclúa os tratamentos termais. Iso convertiríanos nun referente en todo o Estado.

—Pode ser que haxa balnearios que non estean en condicións de asumir o reto ou non lles interese.

—É unha oportunidade que non debemos deixar pasar. E se falamos de dificultades para investir, ou doutros aspectos, para iso está a colaboración público-privada.

—Semella que o AVE vai ser a solución para todo.

—O AVE sitúanos, a Ourense, nunha isocrona moi boa para asumir determinados servizos, proxectos ou calquera iniciativa.

—A infraestrutura é un proxecto creado polo Estado e no noso caso, no galego, semella que Ourense sempre é marxinada con respecto ao eixe Ferrol-Vigo.

—Hai unha cousa evidente que non é cuestionable, como é o feito de que na costa se concentra a maioría da poboación galega. Recoñecido o cal, isto non quere dicir que os ourensáns non esteamos sempre loitando por conseguir proxectos para esta provincia e reclamando un compromiso que Ourense necesita. Os proxectos están aí, moitos deles en marcha na actualidade, aínda que todo é mellorable. Obviamente.

«Baltar está no seu dereito de reclamar uns resultados que son os mellores do PP en Galicia»

Ademais de ser un dos deputados con máis experiencia no Hórreo, Santalices tamén ten participado en momentos que xa forman parte da historia da política galega: dende o motín que os representantes ourensáns lle montaron a Fraga a ser o primeiro que lle botou a man ao presidente da Xunta cando se atopou mal na Cámara. Agora vaticina un relevo difícil.

—Referiuse a que substituír a Feijoo será complicado.

—Dixen que haberá dificultades porque teño claro que non é doado relevar a unha persoa que se vai logo de moitos anos de xestión e de traballo exemplar. Tamén que se resolverá e haberá normalidade no proceso.

—Ourense reclama protagonismo polo apoio histórico que acada. Ve a Baltar de candidato á presidencia da Xunta?

—Baltar está no seu dereito de reclamar uns resultados, que son os mellores do PP en Galicia, e de facer valer esa circunstancia dentro do partido. A min paréceme lóxico que o faga. Entendo a súa postura nesa liña.

—Nunca lle ofreceron ser conselleiro de Sanidade?

—Non. Houbo un momento que así estaba decidido, pero logo non saíu adiante o acordo. Foi na época de Fraga e supoño que, chegado o intre definitivo, se decidiría que era mellor outro nomeamento para os intereses do Goberno. Esas cousas pasan.

—Van a Sevilla a aclamar ao presidente da Xunta e xa o están investindo como sucesor de Pedro Sánchez. Ninguén pensa que a Feijoo lle pode pasar como a Siniestro Total, que van dar o derradeiro concerto a Madrid?

—Para nada. O país está nunha situación desastrosa, a peor das coñecidas, e necesita un cambio. Feijoo gañará as eleccións á primeira e será presidente do Goberno de España. Estou certo.

O fillo do boticario, amante da arte, que sempre lembra o psiquiátrico

Miguel Santalices licenciouse en Medicina pola USC e especializouse na xestión. Fixo o mestrado en Alta Dirección Hospitalaria en Barcelona e diplomouse en Dirección Hospitalaria e Sanidade. Recoñece que pouco tempo exerceu de médico e que o seu rematou por ser a xestión. A experiencia da que garda mellor recordo, e que lle serve como un manual e exemplo para moitas situacións da vida, é o seu paso polo desaparecido hospital Cabaleiro Goás, o psiquiátrico de Toén.

—Sendo sobriño de Faustino Santalices herdaría algunha sensibilidade para a música.

—Nada de nada. Meu pai era o boticario de Bande. El quería que estudara Medicina, e miña nai que fixese Farmacia. Meu pai, que era amigo de Otero Pedrayo, levoume a Trasalba e pediulle consello. Don Ramón díxolle: «O rapaz que estude o que queira, pero que aprenda a tocar a gaita coma o seu tío». Pero non foi así.

—Exerceu de director ambulatorio da área sanitaria de Vigo, xerente do Cabaleiro Goás e dos hospitais de Vigo e Ourense.

—A alta xestión hospitalaria esixe moito esforzo e é unha grande responsabilidade. Do que máis grato recordo teño é do psiquiátrico de Toén. Fun para botar un par de meses e estiven sete anos. A enfermidade mental é un mundo moi complexo que require atención, esforzo e unha sensibilidade especial. Fixemos moitas cousas porque eramos un gran equipo... ata chegamos a ter unha oficina bancaria temporal para que os veciños fosen cobrar alí e así ver aos seus familiares —xa os tiñamos agardando— porque senón non ían visitalos.

—Cantos anos leva sen exercer.

—Moitos. Pero sigo tendo moi bo ollo clínico. A un deputado da oposición diagnostiqueino dende a presidencia do Parlamento. Díxenlle que saíse fóra da sesión que quería falar con el. Comenteille que, por como falaba e se movía, me parecía que estaba sufrindo unha síndrome coronaria aguda, que tiña que saír urxentemente para o hospital e xa chamaba eu para que o atenderan. Pareceume que estaba infartando, e así era.

—É unha presenza habitual nas citas artísticas.

—É un ambiente no que me criei. Viña co meu pai ao Volter e lémbrome no colo de Quessada, Virxilio, Prego e outros. Ourense é un viveiro artístico impresionante e no Parlamento, cando era presidente García Leira e me autorizou a facelo, conseguín crear a mellor colección pública de arte de Galicia.

—Baralla escribir as súas memorias políticas?

—Vou escribir un libro pero non serán estrictamente memorias políticas. Estou apuntando vivencias, tanto da etapa profesional como da política, para logo desenvolvelas por escrito. Xa levo rexistradas case que catrocentas.

Quen son 

«Un home que naceu dentro dunha familia de tradición sanitaria, galeguista, amante da lingua. Que fixo Medicina con toda a ilusión do mundo pero que rematou de funcionario de alta xestión. E que gusta de axudar sempre que pode, porque nesta vida todos necesitamos de todos».