Sergio Pazos, actor: «Traballar en 'Cuéntame' dache unha gran visibilidade e ábreche portas»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Sergio Pazos, en el corazón de Ourense
Sergio Pazos, en el corazón de Ourense MIGUEL VILLAR

O ourensán volve ao Liceo de Ourense cunha montaxe creada durante o confinamento

27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta é a historia dun rapaz ao que engaiolaron as artes escénicas e rematou por se converter nun artista polifacético que o mesmo é capaz de ralear cunha muller para convencela de que lle ten que pór matrícula á vaca —mítica cámara oculta que pasou do analóxico a andar chiando polos móbiles—, ser o reporteiro máis furafollas do panorama estatal, participar na montaxe teatral máis aclamada da historia do festival de Mérida ou rematar de condutor e mozo dunha das protagonistas —«é que a Paqui e moita Paqui»— en Cuéntame, a serie máis lonxeva da televisión. Sergio Pazos Huete (Ourense, 1965) volve á cidade para unha sesión de retranca e coronavirus. Será esta tarde, no Liceo, onde se poderá gozar coa súa montaxe Contaxiándonos de humor. 

—Que propón neste novo proxecto?

—É un monólogo que argallei no tempo da pandemia. Foi unha etapa dura e tráxica, ao comezo, e cavilei en que o humor era o bálsamo contra todos os medos que tiñamos daquela: o económico, o sanitario —porque vimos que entraba xente aos hospitais e non saía—, o odio nas redes, a mala política...

—E con que argumentos tenta contaxiar con humor?

—Falamos de Fernando Simón, das máscaras para o coronavirus —a máis importante é a mental—, rímonos dos fenómenos estranos como o da febre da compra de papel hixiénico —se vas estar na casa porque non mercas comida, bebida ou o satisfyer que che van ser máis útiles— e tamén falamos de cousas boas: nunca tanto nos lavamos as mans nin tan limpos estiveron os baños dos bares. E de moitas cousas máis, como non podía ser doutro xeito.

—Sempre anda en moitas frontes. En que enreda a maiores?

—Estamos traballando para recuperar a montaxe La muerte de Sherlock Holmes e participarei nunha xira cun espectáculo de circo. 

—As súas abordaxes na rúa por Madrid son a continuidade do mítico «Caiga quien caifga»?

—Son unhas «píldoras» para RNE con retranca e moito humor. O espazo chámase Traiga quien traiga, para facerlle unha chiscadela, e agora rematou a entrega. Estamos pendentes dunha nova sección. 

—Presentouse a pasada semana «Jakobsland», curta na que participa, e na TVG pasaron ata hai uns días a segunda tempada de «Agua seca», onde é un dos protagonistas, o policía Viñas.

—Nesta segunda tempada tivo máis repercusión, porque entrou HBO e iso sempre che garantiza unha maior presenza e difusión. Quedamos moi contentos e, no meu caso, satisfeito. Traballamos coa Policía de Vigo para preparar os papeis e un dos xefes díxome que o inspector Viñas parecía un poli de verdade.

—Entrar en «Cuéntame» é un valor engadido?

—Obviamente estar nunha superserie, a máis veterana da televisión e cunha produción desa categoría, é outro mundo. Traballas con xente como Imanol Arias, Echanove, Ana Duato, María Galiana —e tantos outros— e iso dáche unha gran visibilidade e ábreche portas e oportunidades de participar noutros proxectos. O trato é marabilloso e cóidante moito. E grazas a iso chamoume Echanove para La asamblea de las mujeres, que rematou por se converter nun fito histórico no Festival de Teatro de Mérida: dez cheos absolutos, o que ninguén conseguiu ata o de agora. 

—María Galiana reiteraba hai pouco que non comparte o que se fixo con Echanove.

—Cando tes unha serie coa potencia de Cuéntame, na que había tanta química entre Echanove e Imanol Arias —e na que el era un dos puntais do proxecto— non podes cargarte a un personaxe da noite para a mañá.

«Con iso das repeticións na TVG hai mozos que me paran pola rúa por Paspallás»

Sergio Pazos tiña 17 anos cando botou a andar a súa paixón teatral. Con 18 participou na primeira montaxe. Foron os anos de Caritel e das producións do Centro Dramático Galego. Logo viñeron papeis como o de Paspallás en Pratos combinados, os programas de cámara oculta para a TVG, o salto ao circuíto estatal con Caiga quien caiga e moitos proxectos e iniciativas. Á canle galega volveu con programas como o referido aos nomes das rúas das cidades e das vilas ou, máis recentemente, con Pazos & Cía.  

—Lémbrase de «A Esmorga»?

—Unha montaxe espectacular do CDG. Estaba moi ben aquela Esmorga, ata me deron un premio María Casares polo papel de Milhomes. 

—Ernesto Chao bufaba polas repeticións en bucle dos episodios de «Pratos combinados» e vostede segue coas entregas da cámara oculta. Como o vive?

—Ten as súas cousas boas. Con iso das repeticións da TVG hai rapaces que me paran pola rúa por Paspallás. De súpeto ves que quedan algo descolocados e dinme ‘Ti es Paspallás verdade? Que flipe !’ Son cousas que pasan.

—Participou nas dúas series máis lonxevas da televisión.

—Pratos foron non sei cantas tempadas; ao mellor doce ou trece, xa non me lembro. No seu momento —e durante moitos anos— foi a serie máis lonxeva da televisión neste país. Logo xa foi superada por Cuéntame.  

—Botou varios meses nun concurso da TVG. Aprendeu a cantar?

—Case, se chego a practicar seguro que o conseguiría. Cantar non, pero participei no seu día nun vídeo con Compay Segundo porque me enredou Víctor Coyote. Aínda se pode ver en Youtube.

 

Paixón pola bicicleta, carreiras con Zas e sen tempo para volver á aldea

O actor ourensán leva demostrado que a el non lle hai cousa que se lle resista. Camiño dos case que corenta anos de profesión, ten participado en preto de vinte películas —entre outras La ley de la frontera, Airbag, Lisístrata, O lápis do carpinteiro ou Hot Milk—, nun bo número de series de televisión —Farmacia de guardia, Pratos combinados, Los ladrones van a la oficina, Todos los hombres sois iguales, Amar es para siempre, Gym Tony, La que se avecina ou Cuéntame—, en programas como Caiga quen caiga ou Vuélveme loca, foi colaborador de espacios como Channel nº 4 —con Boris Izaguirre e Ana García Siñeriz— e ata estivo en La isla de los famosos. 

—Como chegou a «Caiga quien caiga»?

—Era cando empezaba Tele 5 e a produtora andaba buscando presentadores. Fóranse para alí rapaces que estiveran traballando na TVG e faláronlle dun tipo que fixera traballos con cámara oculta e que daba o perfil perfecto para o que estaban buscando.

—Foi unha boa etapa?

—Espectacular. Aloxábante no hotel Ambassador, da Gran Vía de Madrid. Eran os tempos daquel programa que rompía con todo, Tutti Frutti, e das Mama Chicho. Ás mañás baixabas a almorzar con elas no hotel e logo xa nos recollían a todos e nos levaban a gravar. 

—A música é o que se lle resiste?

—Non é o meu, pero participei en dous vídeos. Con Compay Segundo, como xa apuntei, estou no da súa canción María en la playa (2008) e hai pouco que gravei para Antonio Luz para o seu tema O perdido. De feito algunhas das escenas rodáronse no propio Liceo de Ourense. 

—É o rei do pregón?

—O rei non sei, pero que levo dado un feixe deles si que é certo. É algo que me gusta porque os preparo a coinciencia, falo coa xente que sabe de que vai a cousa, documéntome... hai casos nos que acabo sendo como da casa. En Burela gustou tanto o pregón que lles fixen para a Festa do bonito que me chaman todos os anos para que vaia por alí presentar algo ou pasar un par de días coincidindo coa festa.

—O ciclismo é a súa gran paixón?

—Sempre. Permíteche ir ao teu ritmo, como che peta, e desconectas. Quedas como novo.

—Nos últimos tempos colga máis fotos do seu can que súas.

—Zas é un border collie que vive dende hai meses comigo e pasámolo de medo: saímos a correr á Casa de Campo, de paseo.. Tenme engiolado.

—O AVE é o invento do siglo?

—Para min si. Agora é moito máis fácil vir e para o traballo é xenial. Chego a Ourense en nada e dende aquí móvome en coche. Róubollo a meu pai, que non di nada e non se queixa.

—Ten abandonada Santa Ana (Sandiás)?

—Non me chega o tempo a nada. Veño, visito a meu pai e á familia, estou cos amigos e pateo aos viños. Teño que organizarme para poder ir á aldea!

Quen son.

«Ser ou non ser, esa é a cuestión. Pois serei o que chaman un titiriteiro, un faranduleiro, un cómico, comediante, bastante pallaso, que segue coa mesma ilusión coa que empezou, e que segue a levar un neno agochado nun corpo dun adulto. Amigo dos amigos, solidario, crítico coas inxustizas e coa mala política, porque penso que este mundo pode ser mellor cun pouco de axuda de todos»