Santalices destaca a contribución de Ourense na construción do sentimento autonomista galego

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O Parlamento galego inaugurou na cidade unha exposición para conmemorar o seu corenta aniversario

24 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A sala de exposicións de Afundación en Ourense foi escenario este mércores da inauguración dunha mostra que conmemora os corenta anos do Parlamento de Galicia. O presidente da institución, o ourensán Miguel Santalices, remarcou na súa intervención a importancia que tivo esta provincia na construción do sentimento autonomista e da propia identidade galega.

Catro dos sete presidentes que tivo o Parlamento «foron e somos ourensáns», recordou Santalices, que tamén incidiu na importancia da Xeración Nós e a persoeiros como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo o Arturo Noguerol. Estes corenta anos do poder lexislativo autonómico de Galicia representan unha historia de «éxito colectivo», segundo dixo o presidente do Parlamento.

A exposición inaugurada onte, que reúne paneis informativos, vídeos divulgativos e documentos históricos, poderá visitarse na sala de exposicións de Afundación ata o día 24 de abril. Despois a mostra visitará outras cidades galegas e, ademais, o Parlamento editará un libro para repasar estes corenta anos da historia política da nosa comunidade.