A Fundación Vicente Risco acolle a presentación de dous ensaios premiados durante a pandemia

A. Mínguez ALLARIZ

OURENSE

Isabel Mociño, Luisa Martíns Fernandes e Carlos Quiroga na presentación
Isabel Mociño, Luisa Martíns Fernandes e Carlos Quiroga na presentación A. MÍNGUEZ

As obras gañadoras foron editadas por Dr. Alveiros

21 mar 2022 . Actualizado a las 08:42 h.

Na casa museo de Vicente Risco en Allariz tivo lugar este sábado a presentación de dúas obras premiadas durante a pandemia e que por razóns sanitarias non se presentaran no seu momento, editadas por Dr. Alveiros, selo editorial da fundación.

Isabel Mociño, presentadora do acto, patrona da Fundación, profesora da Universidade de Vigo e coordinadora do premio Vicente Risco de ciencias sociais, destacou a calidade das obras, e incluso as similitudes sendo incialmente dous textos completamente diferentes nos que destaca a investigación de ambos, como o desenvolvemento na «fronteira» entre os territorios galego e luso que os autores consideran que se debe derrubar. Unha idea na que coincidían tamén a presidenta da fundación, Celia Pereira Porto, e o profesor Isaac Alonso Estraviz, presentes no acto.

Luisa Martíns Fernandes, doutora pola Universidade do Minho en Portugal e autora do libro Açao organizacional e qualidade de vida, mereceu o accesit do premio na edición número 24. O texto é resultado da súa tese de investigación e nel dase voz a un colectivo silenciado, o das persoas con deficiencia intelectual, para analizar a calidade de vida, as súas expectativas de inclusión social e capacidade de autodeterminación, comparando o traballo que se realiza dende diferentes institucións de rehabilitación de Portugal e de Galicia.

Carlos Quiroga, escritor, poeta e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, autor do título  A costela galega de Eça de Queirós foi premiado na edición 25, a última. Falou do interese pola árbore xenealóxica de Eça de Queirós e os seus vínculos con Galicia, ao igual ca outros grandes autores portugueses como Luís de Camoens e Fernando Pessoa, incidindo na ligazón histórica entre ambos territorios e culturas. Quiroga tamén procedeu á doazón de tres exemplares da revista O mono da tinta, editada nos anos oitenta e na que aparece algún traballo sobre o autor alaricano. 

Xosé Rodríguez, secretario da fundación, fixo unha reflexión sobre «os camiños que abren os traballos galardoados» e a «honra» de ter na colección os títulos premiados.

Finalmente o xornalista Xosé Lois Carrión, presente no acto, fixo entrega á presidenta da fundación, Celia Pereira, dunha versión dixitalizada dun poema en francés que Risco lle regalara ao seu avó, Leuter González, titulado Petit poeme de Grace et de gloire. Pasará a formar parte do arquivo da fundación alaricana. 

Neste momento xa está traballando o xurado da XXVI edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, ao que concorreron numerosos traballos de diferentes puntos de Galicia e Portugal, tal como sinalou Celia Pereira.