
O editor é o profesor Xosé Carlos Domínguez Alberte
07 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Deputación de Ourense publicou un libro de actas que recolle os relatorios e traballos presentados no quinto Congreso sobre Manuel Luís Acuña, celebrado en marzo de 2013 na Casa da Cultura da Pobra de Trives. O presidente provincial, Jossé Manuel Baltar, recibiu de mans do asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, unha edición coa que se recupera a memoria histórica do escritor, poeta e xornalista trivés. O volume, que ten como editor ao profesor Xosé Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966), que tamén participou no congreso, reúne unha relación de catorce ensaios e relatorios aínda non publicados, coa pretensión de que constitúan un revulsivo para a actualización da figura do mestre trivés.
Manuel Luís Acuña (Sobrado; A Pobra de Trives, 1899 ? Ourense, 1975), nado nunha familia con tradición docente, comezou a súa traxectoria como mestre en 1928 exercendo en Ourense e logo na Coruña e Madrid. Integrante da Xeración do 31, é autor dun único libro, Fírgoas, publicado pola editorial Nós en 1933. A súa condición de militante do Partido Galeguista converteuno, trala Guerra Civil, en vítima da depuración franquista do maxisterio polo que tivo que abandonar o ensino público e dedicarse á educación privada.