O labor do exilio e a emigración segundo Florencio Delgado Gurriarán

Mª Elva Delgado TRIBUNA ABERTA

OURENSE

Florencio Delgado Gurriarán.
Florencio Delgado Gurriarán. Consello da Cultura Galega

24 ene 2022 . Actualizado a las 13:39 h.

Un dos motivos polos que a Real Academia Galega escolleu homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán co Día das Letras Galegas de 2022 foi o seu labor no exilio mexicano.

Para coñecer da man de Florencio o papel dos galegos e galegas na emigración e no exilio americano, imos analizar brevemente a conferencia que, co título Galicia y las Américas, pronunciou o 6 de decembro do ano 1977 no Centro de la Amistad Internacional de Guadalajara en Jalisco e que aparece recollida no Caderno 4 do Instituto de Estudios Valdeorreses do ano 1984.

Comeza Florencio facendo referencia a que as relacións entre Galicia e América son anteriores a Colón, remontándose probablemente á Prehistoria. Salienta que en terras galegas foi onde se tivo a primeira noticia da existencia do Novo Mundo, xa que foi nunha praia galega de Baiona (Pontevedra) onde atracou a carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón ao seu regreso do Descubrimento de América, o 1 de marzo de 1493.

Considera o poeta valdeorrés que quizais por eses e outros feitos os galegos e galegas sentiron e obedeceron a chamada das Américas, cheos de soños, lirismos e saudades, con tenaz espírito de traballo e con afán de regresar á súa terra natal.

Segundo el, entre os galegos hai algún descubridor, por exemplo o pontevedrés Pedro Sarmiento de Gamboa, escritor e navegante, quen fundou nas ribeiras do Estreito de Magallaes os poboados de Nombre de Dios e Don Felipe, ademais de descubrir nos mares do sur as illas Nombre de Jesús e Santa Isabel. Sinala que é galega, en gran parte, a proxenie dos poboadores das dúas Américas. Nesa época foi cando máis brillaron os apelidos de descendentes de familias chegadas alí cen anos antes: Saavedra, Rivadavia, Balcarce, Sarmiento… Tras o descubrimento, os galegos, sinala Florencio, pasaron a poboar as Américas, uns por causas económicas, outros, animados polo seu espírito aventureiro, pola inquietude das súas almas…

Chegado a este momento da conferencia, Florencio fai referencia a Castelao na súa obra Sempre en Galicia. Castelao escribía isto no ano 1940, camiño de Bos Aires: «Cremos que a emigración galega non se axustou cabalmente ás interpretacións materialistas, aínda que as necesidades económicas nos empuxasen sempre a buscar terras de mellor vivir (...). Falemos cos galegos emigrantes e enseguida nos daremos conta de que, co pretexto das necesidades materiais saíron moitos de eles para cumprir os destinos da nosa saudosa raza, viaxeira e ao mesmo tempo enraizada no solo nativo».

Florencio comenta que a emigración galega se espallou ó chou por todas as Américas, desde Alaska á Patagonia, tendo maior repercusión en Arxentina , Brasil, Cuba, Venezuela, México…

Revista Vieiros na que publicou Florencio Delgado Gurriarán
Revista Vieiros na que publicou Florencio Delgado Gurriarán

Con respecto ó labor da emigración en México, Florencio sinala que a pegada galega en México non foi tan importante como nas repúblicas pratenses, en Cuba ou en Brasil. Os galegos da cidade de México crearon no 1948 o Centro Galego, que pretende vincular a tódolos españois, especialmente ós orixinarios de Galicia e os seus fillos residentes na República mexicana, conservar e difundir as tradicións galaicas e estreitar os lazos espirituais entre España e México. A principios dos anos corenta e seguintes, o grupo galeguista Saudade publicou a revista do mesmo nome. En 1953, os galegos da emigración republicana fundaron o Padroado da Cultura Galega. A súa misión plasmouse nunha gran revista, Vieiros. Antes tamén se creou o Ateneo de Galicia en México, presidido por Amancio Bolaño e Ysla .

En México tamén destacaron outros galegos como o pintor Arturo Souto, o escultor Uxío Souto ou o cineasta Carlos Velo. Tamén viviu en México Salvador de Madariaga, unha das máis prestixiosas figuras das letras españolas. Tamén pasou por México Ramón María del Valle Inclán, quen fixo dúas viaxes á república.

Os galegos que chegaron coa emigración republicana española á acolledora patria mexicana, sinala Florencio, compaxinaron a súa loita polo pan cotián, cun modesto pero interesante labor cultural, plasmado en conferencias recompiladas no libro Presencia de Galicia en México, e tamén en revistas, todas elas en lingua galega, como Loita e Saudade.

Remataba a conferencia Florencio Delgado con estes versos:

FINIS

«Se apagó el fuego de mi cachimba, / y no consigo ver una letra. / Mientras enciendo-taramba y timba / Timba y taramba- pongo una &».

Neste ano 2022 dedicado a homenaxear a obra e o labor no exilio mexicano do poeta de Córgomo, quixemos recordar da súa man porque nos pareceu interesante a grande aportación á nosa cultura da emigración e o exilio americano.

Elva Delgado Vázquez é familia de Florencio Delgado Gurriarán e unha estudosa da súa obra.