Tanxugueiras, máis aló da música

Xosé Ramón Reigada FIRMA INVITADA

OURENSE

Xosé Ramón Reigada

17 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As cantareiras galegas Tanxugueiras están no refacho musical. O nome que lle puxeron ao grupo seica lles vén dun microtopónimo de Fumaces (O Riós), sería entón un zootopónimo, referente a un animal, ao tanxugo. Os lugares que levan este nome están motivados pola existencia de tobos ou tocos onde se agochaban os teixugos. Tanxugo é entón o nome vernáculo tradicional na aldea de Fumaces para a especie Meles meles, un mamífero carniceiro da familia dos mustélidos. Na mesma rexión de Monterrei tamén se recolleu tanxugho e tenxugho, con gheada, en Mandín (Verín); e outro topónimo de As Tanxugueiras no Navallo, e As Tanxigueiras en Mañoás (O Riós), e na Pena do Souto a este animal chámanlle tanxugo; na localidade de Rexoxende (Vilardevós) hai o lugar A Tanxugueira e ao animal chámanlle tanxugo, e en Terroso está a paraxe de A Tanxugueira; en Oímbra hai a zona de As Tanxugueiras; existe outro topónimo de As Tanxugueiras en Santa Mariña da Ponte (Viana do Bolo); rexistramos a variante tasugo na zona portuguesa de Miranda do Douro, en idioma mirandês; na rexión do Alto-Tâmega portugués rexístranse as variantes teixugo e texugo; e, por medio das redes, recolleuse o nome de tasugo en Palencia, quizais sexa un eco da lingua astur-leonesa.

Estas cantareiras internacionais afirman nunha entrevista á RAG que escolleron este nome inspirándose na toponimia oral, tras escoitarllo a un amigo natural de Fumaces, Fernando Fumaces. Gustoulles Tanxugueiras pola súa sonoridade e porque «ese sería o nome perfecto para un grupo de mozas que se xuntan por diversión e amor á música, moi lonxe do medo ou de calquera cousa que faga mal». Atinaron de cheo polo singular comportamento, personalidade e sons deste fermoso e admirado animal.

Tanxer ten o significado de tocar instrumentos musicais tradicionais galegos; á parte de estimular o gando para que camiñen os animais; e logo coma sinónimo de carpir, chorar, laiar, podendo asimilarse á voz, o canto, o bruar do tanxugo, sen poder asegurarse isto, só por relacionar posibilidades.