Dez anos na cibdá de Armea

Marta Lago FIRMA INVITADA

OURENSE

Marta Lago Cerviño

10 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste ano 2021 que acabamos de deixar atrás, celebramos o décimo aniversario do coñecido como Proxecto Armea. Un proxecto que tras unha década de vida demostrou como unha boa xestión sobre o patrimonio cultural e natural pode transformar un ben esquecido nun activo cultural, patrimonial, económico e educativo, converténdose nunha verdadeira engrenaxe para o motor de desenvolvemento en áreas rurais.

A inicios de 2011, Manuel Losada, un dos tres veciños da despoboada aldea de Armea, en Allariz, descubría nunha finca preto da súa casa, coñecida co topónimo do Monte do Señoriño, os restos dunha vivenda de época romana a escasos metros de dous senlleiros bens arqueolóxicos galegos: a Cibdá de Armea e o Forno da Santa. Non sabía o señor Manuel que o seu achado, que primeiramente se asociou cun posible santuario prerromano pero que as escavacións arqueolóxicas permitiron identificar como unha casa romana, ía dar lugar ao comezo dun lonxevo proxecto arqueolóxico comandado polo Concello de Allariz e a Facultade de Historia da Universidade de Vigo que perdura ata hoxe.

Os primeiros pasos deste imberbe proxecto déronse durante os anos 2011 e 2012 con sendas intervencións en paralelo, unha no Monte do Señoriño, e outra intervención nunha ladeira da Cibdá de Armea, onde sesenta anos antes o enxeñeiro alaricano Francisco Conde-Valvís Fernández descubrira importantes restos de varias vivendas da época romana pero que tras a escavación volvera soterrar. Desde 2014 os focos do proxecto puxéronse sobre a Cibdá de Armea, naquela finca de Conde-Valvís, denominada como A Atalaia, onde se levarán a cabo intervencións sistemáticas cada verán, ata conseguir exhumar miles de metros cadrados con restos excepcionalmente conservados de grandes vivendas romanas. A cada campaña arqueolóxica seguiulle outra de conservación-restauración, o que xera cada ano novidades na área musealizada, cuxa accesibilidade e información renovouse en 2019.

Coñecemos moi ben a historia dunha parte do xacemento, aquela máis escavada, pero resta moito por saber, todo o que agochan as cerca de catro hectáreas que ocupa o asentamento. Queda por rastrexar as orixes da Cibdá, se realmente tivo unha etapa prerromana como durante moitos anos se pensou ou se é un asentamento novo que coincide coa implantación romana na rexión, como parecen aportar os datos da Atalaia.

Pero todo este desenrolo científico e patrimonial, en forma de restos escavados e musealizados, non se tería acadado a día de hoxe, se no seu momento, a corporación municipal non tivera decidido apostar de forma forte e decidida por este ben patrimonial. Forxándose unha colaboración coa Universidade que perdura excepcionalmente no tempo, sen terse quedado nun acto pasaxeiro. Os primeiros contratos de I+D asinados entre o Concello de Allariz e a Uvigo convertéronse en 2015 nun convenio específico. Este fito marcou sen dúbida o devir do proxecto ata converterse nun modelo a seguir por outros concellos. A renovación do convenio en 2019 e a incorporación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en 2020 reforzou o proxecto, que encara os vindeiros anos con novos obxectivos.

Ao longo destes anos, un dos piares da intervención foi sempre o curso de arqueoloxía, que en forma de escola de campo converteuse cada campaña nun foco de atracción para estudantes de historia e arqueoloxía de universidades españolas e estranxeiras. O éxito do curso queda patente co paso do tempo xa que moitos de aqueles e aquelas estudantes son agora arqueólogos e arqueólogas profesionais ou están desenrolando carreira científica.

A transferencia do proxecto á cidadanía tamén é un aspecto clave, a través de actividades que ano a ano foron en aumento: visitas guiadas, teatralizadas, obradoiros, participación no Proxecto Terra, eventos divulgativos, difusión en redes sociais. Actividades nos que os máis pequenos e a veciñanza xogaron un papel fundamental. Conseguiuse vincular o xacemento á poboación local, que agora o aprecia e transmite como un ben patrimonial propio, aumentando o arraigo ao territorio e ao seu patrimonio, e con isto a súa protección.

A cantidade de público que cada ano visita e se deixa marabillar por Armea e todo o conxunto de Santa Mariña de Augas Santas medrou nestes anos de forma exponencial, cun retorno directo sobre a economía do concello e creación de novas actividades económicas ao redor do patrimonio, con iniciativas empresariais de xestión cultural, que conseguiron xerar postos de traballo nun ambiente adverso, como é o rural galego, e en base a unha actividade, a priori pouco lucrativa como sería o coñecemento, valorización e goce do patrimonio. Logo deste década o xacemento de Armea pasou de ser un xacemento esquecido a ser un referente do patrimonio galego, grazas á enorme implicación, perseverancia, empeño, e compromiso de cada un dos actores e actrices implicadas: institucións, técnicos, traballadores, estudantes, veciños...

Celebramos dez anos do proxecto, orgullosas e orgullosos do traballo realizado, pero tamén conscientes dos retos que se presentan por diante, con aspectos importantes nos que será preciso mellorar, para avanzar cara un plan de futuro eficaz e sustentable, que deberá equilibrar o aumento das áreas escavadas e musealizadas coa protección e conservación dos restos patrimoniais e do seu contorno natural, así como coa xestión turística e desenvolvemento económico do lugar. Brindamos por outros dez anos, e por moitos máis, nos que poidamos seguir traballando e apostando por coidar e valorizar esta xoia patrimonial.

Marta Lago Cerviño é directora dos traballos de conservación e restauración do Proxecto Armea