A editorial tamén publicará textos de Alonso Montero, Marcos Calveiro e Arancha Nogueira
16 ene 2022 . Actualizado a las 17:20 h.
A editorial Galaxia anunciou as novidades para o primeiro trimestre deste ano e nas mesmas haberá unha importante presenza ourensá, co nome de Florencio Delgado Gurriarán á cabeza.
O poeta ao que se lle dedican as Letras Galegas deste 2022 ten un protagonismo especial nas novas publicacións. Galaxia editará tres das súas obras —Bebedeira, Galicia infinda e O soño do guieiro— e para afondar no coñecemento do escritor valdeorrés e a súa obra publicarase un volume antolóxico. Para facelo realidade encargouse o traballo a Xesús Alonso Montero.
Tamén se recuperará o libro de Ricardo Gurriarán Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista.
Curros, Calveiro e Nogueira
O escritor de Celanova terá protagonismo por partida dobre: Marcos Calveiro realizará unha saga xuvenil e a primeira entrega será o título Curros & Holmes no misterio do Kapital e Galaxia anunciou que vai publicar unha versión de Aí ven o maio para os cativos e que a mesma contará coas ilustracións de Blanca Millán. O poemario co que a ourensá Arancha Nogueira gañou o Premio Victoriano Taibo, Antese , tamén será publicado pola editora viguesa.