A obra de Luis Brage volveu a Ribadavia grazas ao Consello da Cultura Galega

La Voz OURENSE

OURENSE

cedida

David Ferreiro é o autor da publicación que lembra ao músico e compositor

08 ene 2022 . Actualizado a las 19:34 h.

O Consello da Cultura Galega editou unha obra sobre o músico Luis R. Brage (Santiago, 1886-1959), froito dun amplo traballo de investigación de David Ferreiro. A divulgación da publicación viuse afectada pola pandemia, aínda que finalmente o libro Luis R. Brage Villar. Obra e memoria foi presentado en Ribadavia polo Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello da capital do Ribeiro. Brage foi un prolífico compositor e unha persoa polifacética que se viu perxudicada na súa carreira profesional polas súas ideas e a represión que padeceu no franquismo.

A lenda do baúl era certa

O compositor tivo que fuxir ás presas de Ribadavia en 1936 para escapar de posibles represalias. Na vila quedou a lenda de que existía un baúl con material de Brage. O autor do libro, David Ferreiro, localizou ao actual propietario da vivenda e descubriu, como se sinala dende o Consello da Cultura Galega, «que o sentir popular era verdade e que existía o baúl, que efectivamente estaba cheo de partituras e composicións».

A publicación Luis R. Brage Villar. Obra e memoria, editada pola institución cultural, inclúe material do atopado por David Ferreiro no baúl de Ribadavia.