José Cid ,103 anos de amor polo rural ourensán

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

O veciño de Xunqueira de Ambía celebrou o seu aniversario, rodeado de familia e amigos, na vivenda comunitaria Solpor

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A José Cid Cabido (Xunqueira de Ambía, 1918) gústalle o campo, a natureza e o rural ourensán sobre todas as cousas. A el, que a Guerra Civil o levou por distintos sitios de España a combatir, tíralle Ourense máis que calquera outro lugar. Por iso din os traballadores da vivenda comunitaria Solpor, na aldea de Ulfe, en Cartelle, onde reside José dende fai catro anos, que alí está feliz. «Viviu e traballou no campo, da agricultura, toda a súa vida, así que poder velo cada mañá pola ventá, poder saír a pasear ao xardín, e desfrutalo sempre que lle apetece, é algo que lle encanta», afirma Diego Rodríguez, responsable da residencia. Onte organizáronlle unha tarde moi especial para celebrar os 103 que cumpriu. «Naceu o día 8 de decembro, pero no seu DNI pon que foi o 11 así que cada ano decide cando prefire festexar», explica o traballador, que o atende a diario. Este ano déronlle unha sorpresa e organizaron na vivenda unha merenda chea das cousas que lle gustan. Os petiscos eran pulpo á feira e empanada; e da música encargouse unha banda de gaiteiros e pandereteiros de Celanova, porque a José gústalle moito a tradición cultural galega. Os invitados á festa, que cumpriu con todos os protocolos de seguridade fronte ao covid-19, foron os seus fillos (José e Camilo), os seus compañeiros da residencia e todo o equipo profesional de Solpor. Houbo emoción e moita ledicia, porque aínda que sobrepasa xa os cen anos, José goza de moi boa saúde. Ten dous netos e un bisneto, que sempre lle sacan un sorriso.

No verán non perdoa un paseo polo xardín xunto a Diego e agora na tempada de chuvias e frío prefire xogar as cartas. «Pégalle moito as partidas de catro comigo e con outros compañeiros», afirma o responsable de Solpor. Polas mañá non se perde as noticias na televisión. «Gústalle estar informado. Agora cada día falamos un pouco do volcán de La Palma e tamén está ao tanto de toda a actualidade sobre o coronavirus», engade. José está moi orgulloso da súa terra, especialmente da aldea na que naceu, Bobadela. Tanto coma de non pegar un só tiro na Guerra Civil. «Sempre presume de que nunca disparou a ninguén. Para el é moi importante, porque esa foi unha etapa da súa vida na que o pasou moi mal», conta Diego. Agora pasa os seus días tranquilo, intentando buscar ledicia nos pequenos momentos. «E transmitíndonos todo o que sabe porque é moi faladoiro e ten boa memoria», remata. ¡Felices 103!