Buciños, escultor: «Que me merquen unha peza a prazos dáme máis forza e satisfacción que un premio»

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O artista, con influencias de Moore e Giacometti, segue creando en Bobadela

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Medio século ten pasado entre a primeira e a, polo de agora, última escultura pública de Buciños. En 1971 inaugurouse o seu traballo sobre a profesión que levou a moitos ourensáns polo mundo e o seu Afiador segue baril na praza de Nogueira de Ramuín. E hai uns días coñeceuse a súa proposta para o parque de Cachamuíña que se inaugurou dentro dos actos desenvolvidos en O Pereiro de Aguiar no programa de iniciativas contra a violencia de xénero. E Manuel García Vázquez (Buciños, Carballedo, 1938) xa ten preparada no xardín da súa casa a peza que axiña poderán ver e gozar —«se as obras non se integran no espazo, e os cidadáns non as fan súas, o traballo non vale para nada», sinala en varias ocasións ao longo da conversa— os ourensáns e as persoas que se acheguen ata a cidade. Buciños non para e amaña un par de asentos mentres lle dá uns retoques a unha peza para un amigo finado en maio. Sobre a mesa de traballo a placa que lembrará a Carlos Martínez no cemiterio: nome, data, frase e unhas rosas polos recantos. «Gustábanlle moito, por iso llas puxen».

—Como xestou o do Pereiro?

—Veu por aquí unha persoa que tiña pendente de recoller unha encarga e viu un traballo que fixen —onde se ve a unhas rapazas abrazadas— e comentoume que era unha peza a xeito co que querían facer no parque de Cachamuíña. E o resultado final é moi fermoso porque o espazo onde se instalan as obras é fundamental e alí o entorno é magnífico: co lazo, as árbores, o paseo... quedou moi ben a intervención.

—Traballa nalgún proxecto?

—Sempre teño algo no que enredar. Rematei unha peza para unha entidade e vou facer un abrazo para poñer aquí no xardín. Será destas nas que mesturo materiais: o home vai ser en bronce e a muller en pedra.

—Sempre figurativo.

—A miña filosofía é sinxela: se teño que dicir o que representa unha obra, ou ir a un sitio a explicala, entón non vale para nada. As miñas pezas non teñen título porque todo o mundo sabe o que significan. E non teño que asinalas ao identificar a xente que son de Buciños. Abstracción tamén fixen, estaba de moda na miña etapa en Madrid, pero andarlle explicando á xente o que quere dicir a túa obra non é para min.

—As referencias ao seu traballo inciden na presenza de nus femininos, a estilización, os ocos...

—A figura humana sempre foi a miña referencia. E logo todo o demais foron elementos ou aspectos que se foron incorporando co paso do tempo. O espido feminino foi algo que sempre me gustou e polo que tiven preferencia; cinco anos modelando deixan o seu pouso. Os ocos ou elementos parciais, ou sen rematar, axudan a implicar á persoa que mira a obra, a imaxinar o que falta. Coa cera —colle un anaco dunha cunca que ten sobre a mesa e moldéao coas mans— resulta fácil incorporalos cando deseñas a peza.

—Moore e Julio González aparecen sempre como influencias. Está de acordo coa relación?

—Moore tivo moita influencia sobre min na miña época de estudante. E logo Giacometti, completamente. E o renacemento, sen dúbida. Julio González tamén.

—E Faílde?

—Gústame o seu traballo e ata teño unha peza del que merquei, mais non influíu na miña obra.

—Nos últimos anos déronlle o Otero Pedrayo —xunto con Acisclo—, nomeárono fillo adoptivo da provincia e levou o Trasalba. Está na idade do premios?

—Iso fano só porque estou a punto de palmar. Bueno, sempre é bó que te recoñezan, pero o que máis forza me dá é cando vén alguén a mercarme unha peza e me di que a paga a prazos. Ves que hai unha persoa que desexa ter un traballo teu e que se sacrifica para poder pagar unha cantidade ao mes para conseguilo. Iso dáme unhas forzas e unhas gañas para seguir traballando que non te podes imaxinar. Moito máis que calquera premio.

El escultor, en su taller
El escultor, en su taller MIGUEL VILLAR

«A Otero Pedrayo débolle, entre outras cousas, o sentimento nacionalista»

Buciños fai profesión de fe con Otero. Lembra cando o subía a Trasalba logo dalgún acto na cidade —sempre se ten confesado pecador por ir a modo para escoitalo moito máis tempo— e do maxisterio que impartía nas tertulias. Recorda o tempo dos artistiñas, de Risco, das viaxes en autostop por Europa, de Exipto... e tamén vira no ar do seu estudio o tempo xusto para un laio: «Xa quedamos poucos, o Acisclo e máis eu». Casualidades da vida: no Premio Trasalba entrégase o coñecido popularmente como o Ramonciño, unha escultura do escritor que cada ano crea o propio Buciños. 

—Que sensación tivo ao recoller a súa propia obra?

—Foi un momento moi emotivo pola relación que tiven con el. A Otero débolle, entre moitas outras cousas, o sentimento nacionalista. Logo de pasar sete anos en Madrid, ao volver, el foi o que me trabou de novo na terra e me fixo identificarme con Galicia.

—Organizaronlle unha antolóxica e chegou a pandemia.

—Só estivo aberta dez días. E logo outros poucos antes do prazo que tiñamos para desmontala. Foi mala sorte e síntoo pola fundación que promoveu o proxecto. Queren recuperar algún dos actos complementarios que non se chegaron a celebrar, mais non sei se haberá posibilidade de facelo.

—Desa mostra é o panel coas obras en espazos públicos. Cantos proxectos realizou?

—Non levo a conta exacta, pero foron máis de corenta.

—Tivo algún desencontro polos cambios de espazo?

—A obra está creada para un lugar e non podes variar esa relación. Tenme pasado con algunha da que non me podo queixar, como a de Otero, e tamén con outras, como a de Castelao de Pontevedra, que nin quixen ir mirar o que fixeron con ela.

Un escultor pouco dado á vida pública que sempre gozou cos amigos

Buciños chegou de cativo a Ourense a estudar. Na casa duns familiares quedou con 10 anos. De mozo marchou para Madrid a cursar Belas Artes e alí quedou logo á procura de asentarse e facer carreira artística. A cousa non funcionou, ou máis ben non tiña percorrido. Volveu para o seu pobo, o mesmo do que colleu o nome artístico, e alí foi onde tivo claro cal ía ser o seu futuro.

—Madrid fíxose duro?

—Había moito choio, o que se quixera, pero a min non me compensaba. Tallaba para xente coñecida, traíanche un bosquexo pequeno e tiñas que escalalo ao mellor a 2,5 ou 3 metros, pero non había tempo para nada máis.

—A solución foi volver para Carballedo?

—Foi o mellor que puiden facer e o que sentou a base para a miña carreira como artista. Volvín para Buciños. Estaba na casa dos meus pais e montei un taller. Traballaba, xantaba con eles e volvía ao meu. Botei ano e medio e logo baixei para Ourense. Alí, nese tempo, vin claro o que quería facer e que ía ser artista.

—Por que mudou a madeira polo bronce?

—Empecei coa madeira porque son fillo e neto de ebanistas, e comecei con eles e cos artesáns de Ourense que ían para facer os copetes e outras pezas. A madeira require moito tempo e o proceso telo que facer ti todo —de principio a fin— e non podes ter axudantes. O bronce é máis rápido e fácil. Montei unha fundición en Buciños, ao comezo, para non depender de ninguén e iso foi o que me deu maior liberdade e capacidade de traballo. Levo feito unhas 5.000 pezas na miña vida. Se as realizase en madeira tería que botar uns 150 anos para rematalas.

—En comparanza con outros compañeiros non foi de moito protagonismo na vida da cidade.

—Iso da vida pública non vai comigo, nunca me gustou. Sempre fun máis de traballar e gozar cos amigos. Durante corenta anos saímos as mesmas cinco ou seis parellas a cear ou picar algo cinco días á semana. Non son de moitos amigos, pero manteño unha estreita relación con eles.

—Non baralla deixar a ferramenta?

—A min gústame traballar e o estudio é a miña vida. Érgome, almorzo e baixo para aquí. E antes de vir xa penso en como quedaría a peza na que estiven traballando o día anterior.

Soa o teléfono en Bobadela. Insisten. «Manolo, estante chamando». «Non, é o teu». «O meu non ten ese son e ademais está gravando». «... tes razón, que o teño aquí no pantalón!».

—Dime! Veña, vale. Baixo e tomamos un viño antes de xantar. E logo volvo para aquí.

Quen son

Un artista normal de todo. Nunca fun extravagante, nin alto nin baixo, un artista normaliño de todo e un tipo que non me dediquei a chamar a atención. Se destaco en algo é no traballo e en que son un artista orixinal, que non necesita asinar as cousas, e que se sente entendido e querido