Patricia de Lorenzo: «O Prestige deixou claro o que podemos facer cando traballamos colectivamente»

x. m. r.

OURENSE

Leticia T. Blanco

Chévere lembra en «NEVERMORE» o afundimento e como a pandemia amosa que todo pode mudar

08 dic 2021 . Actualizado a las 14:19 h.

Ao Teatro Principal chega esta fin de semana unha proposta escénica que marca unha nova etapa na longa traxectoria profesional de Chévere. «NEVEMORE» —ou se se prefire «N.E.V.E.M.O.R.E.» a xeito de SOS emitido á desesperada no código internacional dos sinais marítimos— é unha co-produción de Chévere co Centro Dramático Nacional que foi estreada en setembro en Madrid, no María Guerrero, e que botou un mes en carteleira na cidade. Con dramaturxia e dirección de Xron, está protagonizada por Manuel Cortés, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García e Arantza Villar. O proxecto creouse en tempos de pandemia e ten como fío argumental a catástrofe do Prestige. En Ourense poderase ver os días 10 e 11 —20.00 horas—.

—Como se viviu a experiencia?

—De entrada como un acontecemento. Que dende o Centro Dramático Nacional se convide a unha compañía galega xa é algo a destacar, e logo que ese proxecto che permita estar un mes en cartel beneficia ao espectáculo porque vas mellorando e matizando cousas.

—A crítica gabou o traballo e a conexión co público.

—A reacción da xente foi moi boa. Os que lembraban a traxedia do Prestige viviron a experiencia como un reencontro moi emotivo e os mozos que non sabían nada do que pasou, imos camiño dos vinte anos, agradeceron a oportunidade que se lles dá de coñecer o acontecido e a solidaridade cidadá. O que propoñemos é un exercicio de memoria colectivo.

—Tamén hai referencias ao teatro social e reivindicativo.

—Estamos nunha liña de teatro documental e o que facemos neste tipo de traballos é movernos no terreo e recoller toda a información e documentar os feitos para crear a nosa proposta escénica.

—Enfiando Prestige e pandemia cal é a lección aprendida?

—Que a gran batalla dáse dende o persoal. No caso do Prestige fomos quen de aportar o noso traballo individual para demostrar que somos capaces de facer autoorganización. E que a movilización social deixou claro o que podemos desenvolver colectivamente e cales son as nosas capacidades como seres humanos.

—Hai coincidencia en sinalar que non saímos mellores da covid. Só se resposta axeitadamente nas situacións extremas?

—Esta obra ten unha compoñente emocional moi potente e unha das cousas nas que se incide é en que temos que cambiar a formar de actuar. Non se trata de agardar á próxima catástrofe —sexa afundimento, pandemia ou de calquera outro tipo— para demostrar do que somos capaces. O obxectivo é facer as cousas doutro xeito para que iso non pase.

—Mudou algo co Prestige ou non mellorou nada?

—Avanzouse e está claro que a obriga dos buques con dobre casco fainos máis seguros. Podería volver pasar? Si, aínda que aquí volvemos ao de antes. A reflexión ten que ser global; non se podería volver pasar e estamos preparados senón a necesidade que temos de mudar de modelo na dependencias dos combustibles fósiles e noutros aspectos vencellados ao medio ambiente e á natureza.