Alexandre Sotelino, profesor da USC e premio ao mellor docente de España: «Hai que espertar a curiosidade na aula e non premiar o non esforzo»

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

OURENSE

Sandra Alonso

Pedagogo e bailador tradicional, defende unha universidade máis social

28 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Alexandre Sotelino (Ourense, 1986), profesor contratado e doutor da Facultade de Ciencias da Educación da USC, vén de ser nomeado mellor docente universitario na convocatoria do Premio Educa Abanca, un recoñecemento que ten un valor moi especial porque se concede a proposta do alumnado, que o nominou en tres ocasións.

—Agardaba o premio por iso de que á terceira vai a vencida?

—É o que me di todo o mundo, pero foi bastante sorpresa. O nomeamento colleume nun congreso, e relativiceino moito. Non vai supoñer cambios nin no que penso nin en como fago as cousas, mais alá do recoñecemento do alumnado, que sempre se agradece.

—Chegoulle despois dun curso moi difícil pola pandemia. Como fixo para impartir as clases?

Foi complicado, tivemos alumnado ao que lle custou moito afrontar a situación por cuestións persoais e incluso estruturais. E, como en todas as profesións, houbo que adaptar, readaptar e volver a cambiar. E démonos de conta da capacidade que temos na universidade como ensino superior. Intentamos dar todo de nós, coa maior disposición profesional e, moitas veces tamén, persoal.

—Como docente, que é o máis importante para formar a alguén?

Para min, a creatividade e a iniciativa para formar a persoas que busquen como diferenciarse e que aposten por agrupar a outras para facer proxectos innovadores. Eu sempre digo que se traballara na empresa privada e tivese que seleccionar persoal apostaría por xente con iniciativa, xente que ante un problema o que busca é como darlle solución e non como tapalo. No ensino, desde infantil ata a formación profesional, e tamén no caso da educación social e de rúa, temos que traballar para desenvolver as capacidades que fagan ás persoas máis libres de pensamento.

—Agora mesmo, o debate educativo está centrado en como se miden esas capacidades. Cal é a súa aposta?

A lei que se está a debater pon máis o foco na aprendizaxe que no rendemento como o temos entendido ata o de agora, pero aínda así non debemos descoidar as capacidades e as motivacións para poder superar un curso. Se queremos que a xente promocione, pois perfecto, pero ten que facelo aprendendo, sabendo o que ten que saber e chegando aos seus obxectivos. E o profesorado terá que buscar novos medios, novas formas de traballar, porque na aula hai que espertar a curiosidade e non premiar o non esforzo. Hai que traballar a iniciativa, a motivación e as gañas de superarse. Se me preguntas avaliación si ou non, digo que avaliación ten que habela, pero non pode ser só numérica. Unha das normas educativas e pedagóxicas é que a avaliación ten que existir, tanto para o profesorado como para o alumnado. O debate nos vindeiros anos vai ser ese, como valoramos o que o alumnado aprende e os contidos para que poida promocionar. Se soamente nos baseamos na nota, eu estaría en contra. E a favor se falamos de facer algún grupo de profesorado para discutir os criterios que se van ter en conta, se o alumnado tivo un proceso de mellora e chegou ás súas capacidades.

—E iso non se está facendo xa nos centros de ensino?

—En Galicia hai unha diversidade moi grande, e en España, moita máis. Non é o mesmo un colexio rural no que o profesorado pode valorar o traballo e a evolución de cada clase ca outros centros moito máis grandes nos que non hai ese coñecemento.

—Fomentar a creatividade e a iniciativa é unha receita que vai máis alá das aulas. Cómpre máis pedagoxía na sociedade?

—Eu o vexo claro. Todas as profesións reivindican o seu papel na sociedade. No noso caso, por exemplo, ten que haber máis orientadores nos colexios, nos centros de menores e nos concellos para traballar coas entidades. Tamén nas empresas para saber a formación que teñen que dar para ser máis profesionais. Eu teño moi claro que contribuiriamos moito a nivel produtivo.

—E como ve a presenza da universidade fóra das aulas?

—Eu sempre falo das universidades anglosaxonas, cando o primeiro que se fai ao chegar e elixir actividades. A universidade é o momento de participar en algo.

—Fala desde a experiencia. Docente, músico, bailador, activista social...

—Levo toda a vida vinculado á música tradicional, que é unha parte diferenciadora da miña vida. A actividade colectiva axuda a saber o importante que é o grupo, chegar a acordos, superar o individualismo e a asumir responsabilidades. Iso é unha experiencia para o traballo.

Das citas de Rebulir e á dinamización social ás viaxes

Unha das facetas máis coñecida de Alexandre Sotelino non ten que ver coas aulas universitarias, aínda que si coa formación e o ensino. Só que desta volta o programa lectivo está relacionado coa cultura e o folclore tradicional. O proxecto Rebulir é a proposta máis coñecida, aínda que non a única. O festival internacional desenvolverase do 16 ao 19 de decembro en Ramirás, Celanova e Ourense. Desta volta participarán grupos da península, Ecuador e Bulgaria e os premios da cultura galega serán entregados a Xabier Díaz, Xabarín Club e Anxo Angueira.

—Como nace a súa relación co proxecto do Picouto?

—Foi de casualidade. A música e o folclore sempre foron a miña paixón. Comecei en Foula, na Cruz Alta, e logo estaba en Castro Floxo. Era profesor de baile tradicional e uns compañeiros de Castro Floxo que estaban en Ramirás dixéronme que o ían deixar por compromisos persoais e se me interesaba facerme cargo das clases. E aí comezou todo.

—E a cousa foi a máis.

—Somos un proxecto de dinamización cultural e social. Certo que Rebulir é a referencia e o polo que se nos coñece, máis a cousa foi medrando e facemos actividades no entroido, os maios, no Nadal, e promovemos exposicións, cursos e máis cousas. Imos máis alá do folclore e traballamos na dinamización rural.

—Como escolleron o nome?

—Había varias actividades, de folclore tradicional e tamén a escola da banda de música, e decidimos xuntar todo no mesmo proxecto. E o nome saíu de casualidade: estabamos nunha cea en Ramirás e os nenos non paraban, e de aí, desde rebulir dos cativos naceu o nome.

—As viaxes son a súa paixón?

—De sempre. Dicía miña avoa que viaxar servía para abrir a cabeza... e eu fágolle caso sempre que podo. Coñecer culturas diferentes e saír da zona de confort serve para crecer, e relativizalo todo cando estás de volta.

«Como docente, o máis difícil é xerar confianza, respecto e innovar»

Un dos recoñecementos que máis lle gustou a Alexandre Sotelino despois de recibir o premio ao seu labor docente foi o que lle chegou do seu colexio, o Concepción Arenal de Ourense, que o invitou a unha visita, e que aceptou encantado..

—Como lembra esa etapa?

—Eu fun moi feliz no meu cole, non tiña as mellores instalacións pero o trato que recibiamos era moi familiar. Lembro os tempos dos xogos no patio e tamén as xornadas de convivencia co profesorado que rompían as barreiras. Non lle perdías o respecto, o que facías era collerlle máis cariño.

—Daqueles años lembra algún nome en concreto?

Lembro a Secundino Lorenzo, profesor de Matemáticas no bacharelato. Explicaba moitas cousas con exemplos de fotografías e de pesca que nos facían entrar en materia con problemas a partir de cousas que lle pasaban ou inventaba nas fins de semana. Con el descubrín algo do que falo nas clases, espertar a curiosidade, que é o primeiro paso para aprender. Do colexio tamén lembro á señorita Tere. Era maior e xubilouse o curso no que me deu clase, cando tiña oito anos. Con ela coñecemos a cidade con moitas saídas moi diferentes. Un día levounos ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e despois a coñecer unha panadería, na que nos invitou a comer algo. Ata lembro as cancións que nos aprendeu.

E como foi impartir a primeira clase sendo un docente tan novo?

—A miña reflexión interna, tendo en conta que era bolseiro e non había moita diferenza de idade, era como resultar accesible na clase sen ser pedante e ao mesmo tempo que se mantivese o respecto. Para min, como docente, o mais difícil era chegar a un equilibrio entre respecto, aprendizaxe, xerar confianza e tamén innovar. Esta tensión de como vai ser a clase aínda me pasa agora, porque tes medo de que non haxa un bo clima na aula.