Eva Piay: «No futuro véxome traballando como unha artista interdisciplinar»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

A valdeorresa está co Traballo de Fin de Grao para rematar Belas Artes en Valencia

22 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Ourense apostou hai anos por potenciar a literatura infantil e xuvenil creando un premio en homenaxe ás escritoras ourensás Pura e Dora Vázquez. Aquela iniciativa xa é maior de idade, e axiña sairá editado o volume dezaoito dos que forman polo de agora a colección de galardoados. O clube de coleccionistas de selos, de Pablo Nogueira Campo, foi o orixinal escollido polo xurado neste 2021 e a obra do mestre e escritor contará coas ilustracións de Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999). A valdeorresa, estudante de Belas Artes en Valencia, ten participado en proxectos de ilustración e publicacións durante a súa etapa como estudante no instituto de O Barco. Confesa que xa valorara en varias ocasións presentarse ao Pura e Dora Vázquez, mais finalmente nunca chegara a rematar o proxecto.

No premio da Deputación ourensá convócase o apartado das ilustracións logo de contar co texto orixinal e na escolla do proxecto presentado por Eva Piay destacouse da súa proposta «a coherencia co texto gañador, permitindo unha lectura visual moi clarificadora para o público infantil». A creadora di estar especialmente satisfeita do resultado por ter sido a primeira vez que presentou un traballo a concurso «en anos anteriores mirara as bases e empezara a facer algo cos textos seleccionados, mais nunca chegaba a rematar a proposta. Desta vez foi diferente: a obra de Pablo Nogueira é un relato a favor da diversidade que me gustou moito e que non é moi corrente na literatura xuvenil. E logo está o can que fala, iso xa me gañou por ser moi simpático». Eva Piay quedou engaiolada polo elemento central desta obra que axiña se poderá ler: «Na miña casa tamén temos unha colección de selos de meu avó, e aí comezou todo: púxenme a escanear os selos e a partir de diso comecei co meu traballo. Foi a primeira vez que me presentei á convocatoria e gañei, daquela máis non podo pedir».

 Unha paixón asumida

A valdeorresa, que con motivo desta iniciativa marcouse como obxectivo clasificar a colección filatélica do seu avó, está desenvolvendo na actualidade o seu Proxecto de Fin de Grao na Facultade de Belas Artes de Valencia. Recoñece, con ledicia e satisfacción, que acertou coa escolla á hora de cursar a súa carreira. «Ata o último minuto non tiña claro que ía estudar. Mirei todas as carreiras, decidín que Belas Artes era o que quería facer e pedín Valencia e Pontevedra. O curioso é que non fixen o bacharelato de Artes, pero paseime todo o curso facendo a acuarela as láminas de Botánica».

En Valencia atopouse cunha facultade cunha ampla actividade e moi polivalente, con obradoiros cunha interesante compoñente científica, «e a actividade cultural e social é moi estimulante e enriquecedora». Recoñece sentirse a xeito nunha cidade «na que podes aprender moito da oferta que se xera dende o mundo da arte, pero tamén da interacción que se dá con todo o que hai arredor e con outros sectores. Recoñezo que nestes anos accedín a unha boa formación e iso vai servir no futuro para o meu traballo».

A ilustración é a súa faceta máis coñecida, mais rexeita unha clasificación reducionista. Ilustrar, o debuxo, o traballo en cerámica e outras canles de expresión artística son aspectos que lle chaman a atención. Tamén a escultura. «No futuro? Véxome como unha artista interdisciplinar, mesturando materiais e formas de expresión».

Agardando pola publicación

Non contempla a faceta expositiva polo de agora —«cando crea que teño material para facelo e o desexe pode ser que si, que faga algunha mostra»— mais si ten claro que o seu obxectivo pasa por volver e desenvolver aquí todas as potencialidades que lle dan os anos de formación en Valencia. Mentres iso chega, agarda ver editado O clube de coleccionistas de selos.