70 anos despois volve saír á rúa a revista Peña Trevinca, pioneira na difusión do montañismo

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

OURENSE

La presentación del libro tuvo lugar en O Barco
La presentación del libro tuvo lugar en O Barco CEDIDA

Unha edición facsimil recompilada por Ricardo Gurriarán recupera os 9 números

28 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No 1944, no medio dunha ditadura, no Barco de Valdeorras creouse un club, o Peña Trevinca para impulsar o montanismo, o contacto coa natureza e o goce do pico máis alto de Galicia. Era un club con entidade propia, que non estaba subsidiado nin adherido a ningún outro, un espazo pioneiro que en apenas sete anos consigue sumar máis dun milleiro de socios. «Socios e socias, porque a primeira socia foi unha muller, Pilar Rodríguez Arias, e dos 50 primeiros membros que tivo, o 20 % eran mulleres», recorda Ricardo Gurriarán, fillo de Pilar e de Gonzalo, impulsores daquel club que chegou a ter dez sedes, unha delas en Madrid e outra en Ponferrada.

Co club naceu tamén a revista promocional do mesmo nome, da que saíron 9 números ata 1950. Non había unha periodicidade establecida, e nin sequera manexaban un tamaño similar. «Unhas eran de apenas oito páxinas e outras tiñan máis de trinta, motivado pola dificultade naquela época para ter papel para imprentar ou darlle cor», rememora Gurriarán, que sempre soubo que aqueles números eran un tesouro que «rescatou» cando morreu seu pai.

Un tesouro que agora calquera pode ter na súa casa a través da edición facsimilar publicada por Alvarellos. Entre todas aquelas páxinas aparece un artigo do xeógrafo Ramón Otero Pedrayo ou o primeiro poema en galego de Florencio Delgado Gurriarán. «Era unha idea á que lle levaba tempo dando voltas. É unha documentación interesante, unha achega para a historiografía do deporte», di Gurriarán, que recorreu aos xeógrafos Valerià Paül, Juan M. Trillo e Luis Martín Agrelo, recoñecidos profesionais que ademais «coñecen o Macizo e o club», remarca Ricardo.

Un momento de la presentación
Un momento de la presentación

O Peña Trevinca, aínda activo (e con moita actividade), foi o primeiro club de moitos valdeorreses. «Polo refuxio de Fonte da Cova (Carballeda) pasaron moitas xeracións, para gozar das noites de ladeira e carburo», di Gurriarán, e despois saír andar para coñecer os montes e as montañas. Eran esas as vacacións para moitas familias da comarca.

O libro foi presentado onte nun acto no edificio multiusos do Barco de Valdeorras.