«A nosa ideoloxía é Ourense, co seu ADN cultural»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

José Manuel Baltar recibe a Medalla de Ouro da Sociedade do Liceo

28 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«A vida é o que sucede cando estás ocupado facendo outros plans». Así reza un dos versos musicais de John Lennon. Con esta cita comezaba o seu agradecemento José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, este mércores, cando recolleu a Medalla de Ouro da Sociedade que lle concedeu o Liceo da cidade. Antes diso dicía o director da institución cultural ourensá, Xabier Casares, que era unha mostra de gratitude polo seu incondicional apoio á conservación do edificio que alberga a actividade liceísta. «Sempre estivo, e está, disposto a escoitar as nosas peticións», explicaba Casares. «É un palacio de principios do XVI que a cidade non pode perder», contestáballe Baltar nas súas verbas.

Co salón principal abarrotado, o presidente do goberno provincial, recibiu a medalla en sinal de agradecemento e recoñecemento, nun acto aplaudido por todos os presentes. Personalidades políticas, intelectuais, veciños, familiares e amigos, de todos os pensamentos políticos e socias, ovacionaron ao homenaxeado. «É sabido que vostede e máis eu estamos en posicións políticas diferentes e iso nunca foi impedimento para o consenso e o entendemento», admitiu Casares durante a súa intervención. Baltar tomoulle relevo e afirmou: «Creo que si compartimos a ideoloxía porque a nosa é Ourense, con todo o seu ADN e a súa identidade cultural». O presidente da Deputación defendeu ademais a súa condición de galeguista, outro aspecto que dixo compartir co irmán do falecido escritor Carlos Casares: «Miro por Galicia e persigo máis autogoberno e maior autonomía».