Alfredo Conde é fillo predilecto de Ourense, a provincia á que ama profundamente

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

Xosé Carlos Caneiro reivindica unha cadeira na RAG para o escritor

26 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Alfredo Conde (Allariz, 1945) xa é fillo predilecto de Ourense. Unha honra que agradeceu de forma moi especial aos seus pais, entre a emoción e o orgullo. «Eles non foron galardoados debidamente, nin recoñecidos polos seus esforzo en pos do galego e de Galicia, pero eu son obra deles. Eles me fixeron coma son e por iso correspóndelles tamén poder participar no que estou vivindo», afirmou durante o seu discurso no acto de investimento. Non se esqueceu de citar á súa muller, ao seu irmán e ás súas tres fillas: «Neles quedará o meu legado. O meu é seu». Pero en quen máis fincapé fixo Alfredo Conde foi nos seus compañeiros do antigo Instituto de Segunda Ensinanza do Posío. Recoñeceu a amizade que a eles lle une e o movemento intelectual e político que alí se forxou. «Eu teño saído máis nos papeis porque escribín moitos deles, pero non fixen máis que vós. A nosa xeración aportou médicos, enxeñeiros, avogados, arquitectos... a esta provincia maltratada», apuntou. E rematou lembrando a importancia da cultura: «Se non loitamos pola nosa cultura, xa me dirán por que loitamos. Os homes pasan, pero as súas xeracións permanecen grazas á cultura. Esta é unha mención que me liga aínda máis á miña terra, á que amo profundamente».

A cerimonia de nomeamento do escritor alaricano como fillo predilecto tivo moito de reivindicativa. O tamén literato, e amigo do homenaxeado, Xosé Carlos Caneiro foi o encargado de realizar o laudatio. «Se me detivera nas súas afinidades e distincións non acabaría», comezaba. Resaltou a capacidade de Conde para dar vida aos seus personaxes: «Consegue que perduren e que existan no tempo, e son tan reais coma el». Caneiro tamén reclamou unha cadeira na Real Academia Galega para o intelectual natural de Allariz, que xa optou a unha na Real Academia Española no 2017. «As institucións están ao servizo do país e se Alfredo Conde non posúe cadeira conclúo que algo macela esta institución. É o sistema cultural oficial galego, que esta ao servizo do doutrina e do dogma ideolóxico determinista e non ao servizo da terra», afirmou Caneiro na súa intervención. «Na RAG hai escasa participación de Ourense, porque parece que a pesar dos centos de escritores que deu esta provincia, non está á altura de Galicia», rematou.

Alfredo Conde recibiu o recoñecemento de fillo predilecto polo seu compromiso cultural e pola súa labor literaria, que favorece e dá a coñecer Ourense. É autor de 69 libros entre os que se atopan obras de poesía, novelas, teatro ou ensaios. Pero tamén se atreveu cos guións de películas ou a da serie sobre os Camiños de Santiago. «Este mérito só confirma a condición de ourensán respectado, admirado e ben querido que ten Conde. Pero non só nos límites xeográficos de esta terra porque estamos a falar dun escritor recoñecido infinitamente de forma internacional», afirmou José Manuel Baltar, presidente da Deputación provincial de Ourense.

Pola súa banda, Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta, encargouse de pechar o acto. «Alfredo Conde escribe historias fermosas e tamén protagoniza moitas delas nesta terra. É un intelectual que sentiu nun momento a chamada do seu país e poucos teñen defendido tanto a nosa lingua, sobre todo cando era difícil facelo», rematou.