O Domund e o papel dos misioneiros

José Pérez Domínguez NO ATRIO

OURENSE

24 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe celebramos o día do Domund. Con frecuencia damos por suposto que todo o mundo entende os nosos enunciados e non nos paramos a explicalos polo miúdo. Hoxe vouno facer empezando polo principio: o Domund ou o domingo mundial das Misións é o día no que toda a Igrexa universal reza pola actividade evanxelizadora dos misioneiros e misioneiras e colabora economicamente con eles no seu labor, especialmente entre os máis pobres e necesitados. Por iso este é o porque do Domund: o 37 % da Igrexa católica constitúeno os territorios de misión, un total de 1.100 circunscricións eclesiásticas que dependen da axuda persoal de misioneiros e misioneiras e da colaboración económica de outras Igrexas para poder realizar o súa tarefa evanxelizadora.

O Domund sirve para subvencionar e soster aos misioneiros e aos seus colaboradores cos donativos recollidos nestes días. Tamén se atenden outras necesidades especiais: construción de templos e capelas, formación cristiá, compra de vehículos... ademais de desenrolar proxectos sociais, educativos e sanitarios.

Outra cousa que nos preocupa moito é a maneira de como se distribúe o diñeiro que se xunta no Domund. A Asemblea Plenaria dos directores nacionais das Obras Misionais Pontificias, que se celebra cada ano en Roma, distribúe equitativamente entre as solicitudes presentadas polos misioneiros a totalidade das aportacións chegadas de todo o mundo. Por iso se pide colaboración no Domud sen facer referencia a proxectos concretos.

Nestes días os fieis colaboran co seu donativo, ou ben facéndose socio con unha cota fixa ou testando en favor do Domund segundo cada quen. Podemos dicir que o diñeiro chega todo aos misioneiros. O donativo que cada fiel entrega para as misións recóllese na Dirección Nacional de OMP e remítese aos territorios de misión, salvo un mínimo porcentaxe para os gastos de administración. Outra pregunta que nos facemos é si os misioneiros, ante catástrofes naturais ou bélicas, canalizan a axuda de organizacións sociais e dedícanas a atender aos damnificados. O Domund colabora cos misioneiros para que poidan permanecer na misión tras esas situacións de especial emerxencia humanitaria, axudando co pouco ou moito que teñen.

Normalmente a actividade de cooperación espiritual e material coas misións é permanente ao longo de todo o ano; pero alcanza especial significación durante o chamado Outubro Misioneiro. Non esquezamos que o Domund celébrase sempre no penúltimo domingo do mes de outubro.

Ourense está directamente implicado na tarefa misioneira da Igrexa: temos, ao día de hoxe, 92 misioneiros en activo (30 homes e 62 mulleres), repartidos por 29 nacións e estamos presentes en 4 continentes. A colecta misioneira ascende a 181.369,6 euros, destinados ao Domund 164.841,77 euros; á Infancia Misioneira, 317,43 euros e ao Clero Nativo, 7.210,41 euros. Pero non esquezamos que a oración polas misións é esencial.