José Antonio Quiroga: «A calidade da auga en Ourense é boa, pero con puntos negros»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O titular da Confederación Hidrográfica Miño-Sil agarda que a inversión no Barbaña recupere o río

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Senta o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil na mesa de reunións do seu despacho e enche a fronte da mesma de estatísticas, datos, previsións e todo o que considera de interese para debullar a situación das cuncas fluviais que son da súa competencia. José Antonio Quiroga Díaz non anda con reviravoltas; responde axiña, tira de cifras e análises da situación pola que se lle pregunta e non deixa dúbidas sobre o que pensa ou cal é a postura e as responsabilidades de cada quen nas situacións recurrentes que se están a dar na provincia dende hai anos. Hai tres que asumiu a responsabilidade e sinala que a xestión futura será moito máis axil e efectiva, logo de atender as necesidades básicas atopadas e da próxima entrada en vigor de medidas como as que axilizarán as talas ou limpezas na beira dos cauces fluviais.

—Cal é a valoración destes tres anos na Hidrográfica?

—A realidade con que nos atopamos é que a cunca Miño-Sil ten competencia sobre 20.000 quilómetros cadrados, non é das máis grandes, e presenta unha realidade moi complexa e diversa. Temos 20.000 quilómetros e neses hai 12.207 núcleos de poboación o cal quere dicir moita actividade e acción social. Aquí entran todos os anos milleiros de expedientes, o que fai que se perda moito tempo nesas xestións. Co novo escenario, cos cambios no dominio público hidráulico, vaise axilizar moito a tramitación e poderemos centrarnos noutras iniciativas.

—Como cales?

—Desenvolvemos moitos proxectos en colaboración coas administracións locais ou coa Deputación. Acondionamentos de marxes, limpezas de ríos, depuración de aguas e outras iniciativas son accións prioritarias. Só por dar un dato: neste 2021 a limpeza de marxes supón un investimento de máis de 4 millóns.