O Museo Arqueolóxico de Ourense súmase ao Xacobeo cunha mostra sobre símbolos e imaxes de Santiago

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

A exposición está aberta ao público na sala de Afundación na Praza Maior da Cidade

24 sep 2021 . Actualizado a las 18:51 h.

Na sala de Afundación de Ourense amósase dende este xoves a proposta expositiva Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago. Impresos do barroco compostelán. O proxecto é unha iniciativa do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e exerceu de comisaria da mostra a profesora de Universidade de Vigo Yolanda Barriocanal López. Avelino Rodríguez González foi o responsable da museografía.

Dende a Consellería de Cultura, Educación e Universidade o seu titular, Román Rodríguez González, destaca no catálogo da mostra a importancia de que o Arqueolóxico «participe nos actos conmemorativos do Xacobeo 21-22 a través desta exposición dedicada aos símbolos xacobeos e á imaxe de Santiago nos impresos composteláns do barroco». Refírese o conselleiro á proposta que se pode ver en Afundación como unha mostra enriquecedora e plural que ofrece ao visitante «unha selección de gravados e impresos ata o de agora pouco ou nada coñecidos, que acrecentan o acervo cultural arredor da figura do Apóstolo Santiago».

Dende a dirección do Arqueolóxico o seu responsable, Xulio Rodríguez, lembra na publicación da mostra que a tradición xacobea «atopou asentamento na literatura e nas artes, forxando unha sólida trama cultural» e comprácese de que a institución contribúa á difusión «desta riqueza cultural e artística, moita dela perdida ao ritmo dos tempos, pola fraxilidade do seu soporte, ou de difícil localización, a causa da súa dispersión».

 De Compostela a León

As pezas de Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago proceden de moitos arquivos, institucións ou coleccións particulares. O Arquivo da catedral de Santiago, o Museo das Peregrinacións, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Museo de Pontevedra, a Biblioteca Pública do Estado en León, o Archivo General de Simancas ou a Colección Bouza Brey son algunhas das orixes das obras expostas.