Tipografía coa base de Nós e mundo hindú para o novo logotipo de Risco

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

Antón Lezcano creou a nova imaxe para a fundación con sede en Allariz

23 sep 2021 . Actualizado a las 20:32 h.

A Fundación Vicente Risco presentou a súa renovada imaxe nun acto que se desenvolveu no salón nobre do Liceo de Ourense. A entidade que preside Celia Porto deu a coñecer o redeseño da imaxe da FVR. O proxecto é un traballo exclusivo que foi desenvolvido ex profeso por Antón Lezcano para a fundación.

Para crear a nova imaxe, Lezcano creou unha tipografía «tomando como base a propia de Nós e inspirándose, ademais, nos grafismos e a estética do mundo hindú para engadirlle un aire oriental que nos evoca dúas das constantes do noso autor ao longo da súa vida: o amor á terra e o interese e diálogo con todo o que acontecía fóra dela», segundo se sinalou na presentación da nova imaxe.

No encontro cos medios de comunicación para dar a coñecer os novos elementos identificativos da Fundación Vicente Risco participou, xunto á presidenta e o autor do traballo, o secretario da institución, Xosé Rodríguez.

A FVR tamén deu a coñecer algunha das actividades que desenvolverá nos próximos meses. Na súa sede presentaba hai uns días un traballo dos irmáns Castro Vicente sobre a obra de Risco.