Cita para reivindicar ao Blanco Amor homosexual e escritor

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

Homenaxe ao autor no aniversario do seu nacemento

15 sep 2021 . Actualizado a las 19:32 h.

Día de celebración na cidade. Reivindicativa e en modo festivo, como non podía ser doutro xeito. Ao pé da escultura de Xosé Cid que lembra ao escritor e xornalista Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897 - Vigo, 1979) houbo concentración en homenaxe ao autor, coincidindo co 124 aniversario do seu nacemento.

A convocatoria estivo promovida pola Asemblea do Orgullo da Galleira e dende o espazo cultural e reivindicativo do casco histórico encetouse con esta actividade a tempada. A cita anual para reinvidicar e lembrar á figura de Blanco Amor e normalizar a diversidade chegaba cun posicionamento claro: xuntarse ao pé da súa escultura, na data do seu nacemento, para homenaxear á súa figura e «reivindicar unha cidade de todas, diversa e orgullosa!». No seu perfil social A Galleira reproducía unha imaxe de EBA xunto a un texto rotundo: «‘Envexosas!’ Resposta de Eduardo Blanco Amor aos berros de ‘Eduardita’ que recibía ao pasear polas rúas de Ourense».

«Eduardita», de Eric Dopazo

No encontro de lembranza foi o encargado de ler o manifesto Eric Dopazo, quen días antes deu a coñecer nas redes sociais a canción Eduardita, tomando para o título do tema o nome «que lle daban os señores por deitarse con homes».

Dopazo lembraba onte a necesidade de incidir na homenaxe a EBA. «Aínda hai xente que tenta esconder a condición de homosexual e mesmo medios de comunicación que só inciden na súa faceta como escritor, separando ao autor da obra. Blanco Amor foi un homosexual e un gran escritor, que se revelou contra os armarios e para nós xente coma el ou como Elisa e Marcela -que casaron pola igrexa e foron pioneiras- son figuras a reivindicar».

Eduardita incide no poder da palabra «e en como hai termos, como maricón ou neste caso Eduardita, aos que lle temos que dar a volta e empregalos para empoderarnos».