Un patrimonio por descubrir e dinamizar

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

A provincia de Ourense conta cun amplo conxunto de estacións de ferrocarril

05 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega acollerá este mércores, día 8, unha xornada dedicada a O patrimonio industrial ferroviario no Ano Europeo do Ferrocarril. Unha celebración, a do ano europeo, que o Consello da UE fixou para este 2021. No caso de Galicia, e de xeito destacado en Ourense, estamos a falar dunha data histórica ao cumprirse os 140 anos da chegada da primeira locomotora de vapor á cidade. Acontecemento que foi a orixe do coñecido poema de Curros Enríquez Na chegada a Ourense da primeira locomotora (1881). Logo desa celebración histórica, a da chegada do tren dende a meseta a Galicia, a outra data que tamén figura como xornada destacada na historia do ferrocarril na nosa comunidade chegou en 1958: foi o remate da conexión coa Meseta ao inaugurar o tramo O Carballiño-Santiago de Compostela, da liña Zamora-Ourense-A Coruña. O Consello da Cultura Galega celebra o encontro «o día 8 de setembro de 2021, por ser a data que coincide coa inauguración, en 1958, do último tramo da conexión da Galicia coa meseta».

A orografía galega converteu o proxecto do ferrocarril nunha obra pública de extrema complexidade, que nalgunhas zonas da provincia custou moitas vidas na construción de túneles e viadutos.

A rede ferroviaria que atravesa a provincia, cara a Vigo ou camiño de Compostela-A Coruña, conta cun importante patrimonio vencellado a estes trazados nas súas estacións. Algunhas delas están abandonadas, outras foron reconvertidas para usos que conseguiron dinamizar o entorno e varias quedarán definitivamente fóra de circulación coa chegada do AVE antes de rematar o ano. Algúns dos espazos, que dende o Consello da Cultura se reclama pór en valor como patrimonio industrial, son os seguintes.