A editorial Galaxia abre a súa colección Guión cun texto do ourensán Ignacio Vilar

La Voz OURENSE

OURENSE

Ignacio Vilar en una imagen de archivo
Ignacio Vilar en una imagen de archivo Agostiño Iglesias

Os lectores poderán ler «Aura 1964» antes de ver a película

06 sep 2021 . Actualizado a las 13:52 h.

A editorial Galaxia inaugura a colección Guión, na que aposta pola publicación de textos escritos para cine, con Aura 1964 do ourensán Ignacio Vilar. Os lectores accederán ó guión antes de asistir á estrea da película. Galaxia define a iniciativa como unha novidade sen precedentes polo feito de achegar ó público o texto antes que a longametraxe: «Terá que construír a película a través da palabra e a propia imaxinación, coas súas cores e imaxes».

«Ningún ditado pode sufocar a sede de liberdade dun neno». Esta é a frase que enmarca a portada do título. «Toda unha declaración de intencións do cineasta que, a través destas páxinas, achéganos a unha realidade marcada polo adoutrinamento, a mentira e a aldraxe da dignidade en nome de Deus e da patria fascista», explican desde Galaxia.

O protagonista, Siro, amosará como era o ambiente da época, opresiva e abafante, na que a sociedade se viu obrigada a subsistir. Unha situación á que, a través da rebelión, o mozo e os seus amigos Cosme e Berto, despregarán a súa maxia adolescente vivindo momentos de iniciación e descubertas, nunha búsqueda constante da liberdade.

Entre a filmografía de Ignacio Vilar están Pradolongo, Vilamor, A Esmorga ou María Solinha. No 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega polo seu compromiso ca lingua.