No encontro de Lisboa participarán este ano outros entroidos galegos. É o caso dos de Samede (A Coruña) e Cobres (Pontevedra). O Festival Internacional da Máscara Ibérica é un certame que potencia o coñecemento, a promoción e a difusión de diferentes aspectos da cultura popular e sempre cun tema central, o da máscara. Así, diferentes máscaras chegadas dende varios puntos da península desfilan polas rúas de Lisboa, ao tempo que se desenvolve un amplo programa de actividades paralelas.
Gaiteiros de Xinzo
A Máscara Ibérica, que se está a desenvolver do 21 de agosto ao 29 de setembro, contou este ano coa presenza da Banda de gaitas de Xinzo de Limia. O pasado domingo, día 29, os músicos limiaos actuaron no castelo lisboeta de São Jorge. A alcaldesa, Elvira Lama, acompañou aos músicos e destacou a calidade do concerto.