Na memoria do profesor Manuel Vidal López

Xosé M. Cid

OURENSE

Alvaro Vaquero

O decano da Facultade de Educación do campus de Ourense, Xosé Manuel Cid, despídese do mestre

27 ago 2021 . Actualizado a las 17:30 h.

Naceu o 13 de setembro de 1965 e faleceu o 24 de agosto de 2021. Biólogo desde 1990, especialmente preocupado pola problemática ambiental, dedicouse ao ensino privado, compatibilizando coa docencia de profesor Asociado na Universidade de Vigo, primeiro na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB e posteriormente na Facultade de Ciencias de Educación, na que se integrou en 2001.

Coa obtención da suficiencia investigadora, en 1996, no programa «Patrimonio Natural e procesos de degradación ambiental», comezou o proceso de produción científica nesa área, converténdose nun dos grandes referentes da Educación Ambiental, non só polas publicacións elaboradas, senón tamén pola convicción coa que desenvolvía as investigacións e a súa transmisión de maneira amena ao alumnado. Esta metodoloxía, que denominamos de investigación-acción, consegue non só diagnosticar os problemas que nos afectan a nivel global e a nivel local, senón comprometerse na transformación das realidades contrarias a eses valores medioambientais previamente definidos.

Aínda así, a súa dedicación á investigación foi a tempo parcial esas primeiras décadas, o que lle permitiu madurar unha tese de doutoramento na que o coñecemento das Ciencias Naturais se combina perfectamente coa súa dimensión pedagóxica. Manolo é biólogo, pero transfórmase en pedagogo a través desta práctica renovadora e da investigación-acción, que multiplicaba a práctica renovadora coa acción do alumnado que participaba das súas ensinanzas e experimentos. De feito o título da súa tese reflicte claramente esta pretensión de abordar a ciencia de forma práctica e a través dunha pedagoxía activa, como viñan proclamando ao longo do último século os movementos de renovación pedagóxica. Así a titula: La enseñanza de las ciencias centrada en actividades prácticas de laboratorio. Un estudio de caso en la formación inicial de maestras y maestros de Educación Infantil. Forma parte así desa corrente de pedagogos utópicos, insatisfeito coas políticas ambientais, aínda que esperanzado con que a educación ambiental cambiaría as persoas desde a primeira infancia; esas persoas que logo cambiarían as políticas.

Esa é a esencia do utopismo, que non funciona dese xeito tan simple, pois tivo que apreciar, nas últimas semanas da súa vida, o atentado contra os nosos ríos por parte do neoliberalismo e o capitalismo salvaxe, que non descoñece a problemática ambiental, pero tampouco a respecta cando se trata de ganancias a curto prazo. A partir desa tese en 2014 e desa vocación pedagóxica, que tanto ía repercutir na formación das novas xeracións de mestres e mestras, optou á praza de axudante doutor, na área de Didáctica das Ciencias, posto que desempeñou ata este curso, en que estreaba contrato de doutor interino.

Como decano quédome coas dúas últimas leccións do profesor Vidal: unha que ten que ver con esta facilidade para facer chegar a ciencia á infancia; a outra, como coordinador do grao de Educación Primaria, pola súa aposta pola impartición do grao en galego como programa piloto, nos dous últimos cursos, que ten un dobre mérito no seu caso por expresarse con máis fluidez no castelán. Traballou por unha Galiza con dignidade, nun planeta sostible. A súa biografía segue a ser necesaria nesta Facultade para a formación de futuras educadoras e educadores. Grazas Manolo, polo teu legado!