Fer, dos Verto: «A nosa música é un pouco coma un cabalo de Troia»

OURENSE

Alberto Mira e Fernando Peleteiro forman Verto
Alberto Mira e Fernando Peleteiro forman Verto ALBERTO LÓPEZ

O dúo compostelán ofrece hoxe un concerto no Carballiño como clausura das Xociviga

29 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga) rematan este xoves tras catro días de obradoiros, proxeccións e moitas ganas de renovar e buscar público entre a mocidade. O colofón final desta programación será toda unha declaración de intencións, traducida nun concerto dos Verto, grupo que sen dúbida se sitúa na punta de lanza da música máis contemporánea e en galego. Fernando Peleteiro (Santiago, 1997) é a metade desta banda.

—De onde son, como se coñeceron e como emprenderon esta viaxe musical?

—Verto é de Pontevedra e eu de Santiago pero en xeral agora, cando a xente nos pregunta xa di el que somos os dous de Compostela. Coñecímonos o primeiro día de clase en Medicina e el xa se sinte coma un picheleiro máis. Sempre estuvemos no mesmo grupo de amigos, desde primeiro de carreira, e o tema do grupo comezou cando eu marchei de Erasmus en cuarto. Os dous estabamos con ganas de facer cousas e levábamos tempo quedando para tocar pero nunca nos puxeramos a gravar. Eu andaba a voltas co tema da produción, de gravar música co portatil, facer bases... fora algo ao que lle metera especial caña no Erasmus. Logo ao voltar, ese verán quedamos un día e Berto tiña unha idea para unha canción, que era Amolecer. Fómola gravar e saiu nese día practicamente enteira. Dixemos ‘esto mólanos un montón'. A partir de ahí, simplemente foron saíndo cousas. Tamén dicir que ata ese momento nós non falabamos galego, eramos castelanfalantes.

—Sobre ese tema queríalle preguntar. ¿Son neofalantes?

—Si, así é. E non era a primeira vez que o intentábamos, xa en segundo de carreira tuveramos unha etapa de querer comezar a a falar en galego pero os míticos comentarios da xente... Ao final acabamos deixando de facelo. Retomámolo despois, o ano que eu estiven de Erasmus, Berto aquí e eu da forma máis fácil desde alá. Comezara a falalo coa miña moza, que estaba de Erasmus conmigo e é de Ourense, e por WApp coa xente de Galicia. Cando voltei foi o momento serio de poñerme a falar en galego.