Xosé Xulio, párroco de Santo Estevo: «Ver o sacrificio da xente en África, para min, foi unha gran revelación»

Javier González Sobrado
javier g. sobrado OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xosé Xulio foi párroco de Santo Estevo ata o 1999 e desde o 2019, cando volveu tras 20 anos fora.
Xosé Xulio foi párroco de Santo Estevo ata o 1999 e desde o 2019, cando volveu tras 20 anos fora. MIGUEL VILLAR

Este cura ourensán visitou decenas de países no mundo formando a sacerdotes

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia de Xosé Xulio Rodríguez Fernández ten punto de partida e etapa final no mesmo lugar da provincia de Ourense. Onde naceu, medrou, foi párroco ata o 1999 e a onde voltou hai dous anos para continuar coa mesma labor: Santo Estevo de Ribas de Sil. Mais, gran parte do segundo acto da súa vida ocorreu lonxe, moi lonxe da Ribeira Sacra.

Nado o 23 de xullo de 1950, Xosé Xulio foi un neno ao que lle gustaba o coñecemento. Esa inclinación polo saber e o estudo, xunto ao apoio do mestre da aldea e do párroco de Santo Estevo naquel momento, fixérono estudar no Seminario. «Non é que eu tivese moita idea de ser cura naquel momento», recorda. Pero, da man do tempo de estudo e pensamento, veu a vocación e tras os procedementos habituais, Xosé Xulio Rodríguez ordenouse sacerdote. Na súa parroquia, a de Santo Estevo, estivo ata o ano 1999. Foi aquí e durante todo ese tempo desde a súa infancia que o mundo labrego e as circunstancias dunha zona «empobrecida» fixeron que tomase conciencia sobre as situacións dos colectivos más desfavorecidos, algo que trasladaría á súa labor nos anos vindeiros.

O párroco de Santo Estevo pasou a formar parte da Asociación de Sacerdotes del Prado, unha agrupación de relixiosos fundada no ano 1856 en San Andrés de La Guillotière, en Lyon, polo sacerdote Antonio Chevrier. Primeiro en Madrid, durante 9 anos e despois en Lyon durante 11, Xosé Xulio serviu a esta asociación facendo as veces de formador en espiritualidade, teoloxía, pastoral e máis disciplinas. «Era animación das vidas dos sacerdotes e compartir con eles o que estaban vivindo. Ademais cursos de formación, retiros espirituais e cousas polo estilo», explica. Viaxes por moitas das dioceses de España tendo como referencia Madrid pronto se converteron en odiseas por todo o mundo cando no ano 2008 Rodríguez Fernández foi elixido para formar parte do equipo de formación internacional, con base en Lyon. «Estiven en todos os continentes menos en Oceanía», asegura. A cantidade de estados, paises e nacións nas que estivo non lle entran nos dedos das mans: Corea, Vietnam, Líbano, a República Democrática do Congo, Guinea Conakry, Mozambique, Costa de Marfil, Burkina Faso, México, Nicaragua, Perú, Chile, Brasil, Colombia, Portugal e Italia son os que enumera.