A Ponte celebra de portas adentro

F. ULLOA LA VOZ

OURENSE

Imagen de archivo de la procesión de Santiago Apóstol en A Ponte
Imagen de archivo de la procesión de Santiago Apóstol en A Ponte MIGUEL VILLAR

O programa relixioso elimina a procesión e limítase á oferta de un domingo calquera

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os veciños de A Ponte non van deixar de festexar ó seu patrón. Pero haberá poucas oportunidades para compartir esa celebración máis aló do que se faga nas casas dentro do entorno máis próximo. Sen dúbida non faltarán as boas viandas nas mesas, nin a oportunidade de ver a algún familiar que volveu, como tódolos anos, a fixar as súas vacacións facéndoas coincidir co 25 de xullo. Pero non haberá nin fogos de artificio, nin orquestras, nin barracas, nin festivais... O covid arramplou un ano máis coas festas de Santiago Apóstolo no barrio máis populoso da capital ourensá.

O único que se mantén do que era a cita festiva por excelencia para os pontinos -e tamén para moitos dos que residen na outra marxe do Miño pero que mamaron desa tradición- son as celebracións relixiosas. E para iso, tamén as actividades programadas pola parroquia están limitadas ó máximo, tanto na oferta en si, como no número de participantes nelas. Lonxe quedan as imaxes do templo desbordado de devotos. As restricións anticovid mandan e o cumprimento estrito dos aforos volve a ser esencial. Haberá tres oficios relixiosos; os mesmos que un domingo calquera: dúas misas ás 9.30 e 12.00 horas e, xa pola tarde, outra as 20.00 horas.

E tampouco este ano se volverán ateigar as rúas para ver o desfile, outrora tan cheo de solemnidade -con maceiros e portaestandartes acompañando á representación da corporación municipal- da imaxe do patrón. Non haberá procesión coa imaxe do patrón para evitar tamén que se poda usar esa escusa para xuntarse nas rúas.

Se alguén pensou en facerse cargo da organización das festas de Santiago deste ano, confiando en que a pandemia ía remitindo nos primeiros compases do verán, dende logo esa intención non chegou á asociación de veciños Ponte Canedo. Dende que cambiara a normativa, este tipo de entidades prestan ás comisións de festas -que carecen dunha identificación fiscal axeitada, xa que son persoas que fan un traballo voluntario a título particular- o soporte legal que precisan para obter os permisos necesarios para os festexos.

Segundo explica a presidenta desta asociación veciñal pontina, Olga Giráldez, «so unha persoa me falou do tema e unicamente foi para preguntarme se alguén se puxera en contacto con nós con ese obxectivo».

Oficio solemne para manter a tradición da festa dos avós

Se os veciños de A Ponte están especialmente unidos á festa do Apóstolo, non o están menos coa cita da xornada do 26 de xullo. Mañá celébrase a San Xoaquín e Santa Ana, que foron pais da Virxe María e, polo tanto, avós de Xesús, o que fixo que o seu día se asimile a ser os protectores dos maiores, nomeadamente dos que teñen netos. No barrio pontino, a tradición desta festa está moi arraigada e unida á do propio Apóstolo.

De feito, era habitual que o programa que se editaba para divulgar as actividades lúdicas da festa de Santiago incorporase tamén o día 26 como un máis da oferta lúdica. Incluso se teñen organizado pinchos ao saír da igrexa e outras actividades especiais para que os puideran desfrutar xuntos avós e netos.

A situación do covid fai que tampouco sexa posible organizar nada especial para eles neste ano, pero a parroquia si que mantén una misa especial na xornada do luns ás doce da mañá. Esta cita relixiosa é das destacadas no calendario do titular da Diocese de Ourense e, polo tanto, o bispo, Leonardo Lemos Montanet, presidirá a celebración.