Guillermo Carbajo: «Apetecíanos traballar con público adolescente, e especialmente en novas masculinidades»

OURENSE

Guillermo Carbajo e Sheyla Fariña son os protagonistas e promotores da peza
Guillermo Carbajo e Sheyla Fariña son os protagonistas e promotores da peza

Redrum Teatro estrea «#2Pilgrims» este mércores ás 20.00 horas no seo da MIT

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) alberga este mércores a estrea de #2Pilgrims, unha obra de autoficción de Redrum Teatro que raia na transformación social en temas como a igualdade e as novas masculinidades. Guillermo Carbajo, actor e promotor do espectáculo —xunto a Sheyla Fariña—, analizou as intencións da obra e as sensacións perante a súa estrea.

—#2Pilgrims defínese como teatro para as novas xeracións ¿Está hoxe a xuventude moi afastada do teatro?

—Si, eu creo que totalmente. Diriximos a obra cara aos adolescentes e si que están bastante fora. Creo que porque, en primeiro lugar, non hai demasiadas propostas que vaian dirixidas directamente a eles. Hai un momento no que perden totalmente o contacto, porque si que no teatro infantil ou familiar hai moitas propostas e tamén unha intencion por parte das administracións de facer cousas para eses rangos de idades, pero nun momento pérdese ese público, que ademais é o noso público futuro máis inmediato.

—Novas masculinidades, igualdade, violencia de xénero, ¿cal é o peso do social nesta obra?

—O peso do social é bastante grande. Temos unha liña en Redrum de teatro social. Cremos na capacidade transformadora do teatro e estamos interesados en facer determinados espectáculos que saen de temas que nos preocupan. Xa fixemos Invisibles A nena que quería navegar, e agora apetecíanos traballar con público adolescente e especialmente en novas masculinidades. A igualdade e a violencia de xénero están relacionadas con esas novas masculinidades, pero o que nos interesaban eran as novas masculinidades.

—Aínda así, unha comedia, ¿é o mellor xeito de falar da parte máis mellorable da sociedade?

—Creo que coa comedia podes deixar en evidencia moito absurdo do que vivimos, ademais, cando facemos este tipo de espectáculos o que tratamos, sobre todo se vas a público adolescente, é que non sexan excesivamente didácticos e que o público poda desfrutalos coma unha actividade lúdica. A comedia axúdanos a facer un espectáculo levadeiro e que guste. Interésanos que a xente poida volver ao teatro.

—Que quere dicir que #2Pilgrims sexa un espectáculo de autoficción?

—Non é autoficción de libro. Un teórico podería dicir perfectamente que #2Pilgrims non é autoficción, pero en realidade si que o é. Nós, Guillermo Carbajo e Sheyla Fariña, que somos os protagonistas da peza, facemos de Guillermo Carbajo e Sheyla Fariña falando destes temas que nos preocupan e falando de nós directamente, ainda que se mestura a ficción coa realidade. Ainda que hai documentos reais, coma imaxes de nós, que se mostran no espectáculo, o público nunca vai saber se o que contamos é real ou non.

—Sendo unha autoficción, o traballo actoral é complexo?

—Si, é complicado facer dun mesmo e tratar de chegar a esa naturalidade, tratando de escapar dos códigos da ficción que tamén utilizamos moitas veces. Sobre todo é moi difícil porque Sheyla e mais eu temos unha relación real. Fixemos algún pase aberto para xente da profesión e claro, coñécennos moito e coñécennos na nosa vida real e falando. Si que é certo que é complicado volver a conseguir no escenario esa naturalidade. Pero eu creo que está conseguida.

—É unha cuestión personal esta peza?

—Si. É un espectáculo moi persoal.

—Como entra o Camiño de Santiago en todo isto?

—O Camiño é o fondo da cuestión e non é mais que unha escusa. Nós queriamos falar de novas masculinidades e o Camiño de Santiago é o lugar onde estamos. Este proxecto está apoiado por O teu Xacobeo e nós collemos como punto de partido a dificultade que ten unha muller de facer soa o Camiño de Santiago en contraposición cun home, que probablemente pode facelo en problema, para falar de igualdade. Despois os valores que promove o espectáculo como a amizade o cosmopolitismo... Hai unha serie de valores que lle interesaban tamén ao Xacobeo e entendo que por iso apoiou o espectáculo. O Camiño está sempre presente pero non é o tema principal senón o lugar..

—Que pode dicir de estrear na MIT?

—Pois, que é unha pasada. A verdade é que adiantamos a estrea porque estrearamos en maio outro espectáculo e facer este era unha tolemia, pero cando xurdiu a posibilidade de estrear na MIT... A min pareceume impresionante. Certo é que iamos estrear na igrexa e finalmente se cambiou á Casa da Cultura que creo que é o mellor para todos, pero por riba, estrear na igrexa parecíame unha auténtica pasada. Pero encantados de estrear na MIT a verdade. Moita presión tamén, porque hai moita profesión na MIT, non é un público habitual, entón, un pouco máis de nervios que habitualmente, supoño, pero moi contentos.