Ribeira Sacra, patrimonio da Humanidade

Xosé Coello FIRMA INVITADA

OURENSE

CARLOS CORTÉS

19 jul 2021 . Actualizado a las 09:02 h.

É moi importante que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, pois é innegable que supón beneficios para unha zona en xeral moi empobrecida e despoboada. Mais se non pode ser, non é dunha gravidade extrema, sempre que polo menos se amañaran algunhas desfeitas. O informe ICOMOS fixo baixar á realidade, e puxo sobre a mesa defectos reais importantes, que se produciron, algúns xa fai tempo e outros máis recentemente. Moitos deles, se se quere volver a ter posibilidades de que se produza a declaración de Patrimonio da Humanidade, téñense que corrixir. Este informe tamén vale para que as institucións, sobre todo a Xunta, se impliquen en serio, e non so especialmente con cartos, senón con medidas concretas, porque está visto que so con propaganda, non é dabondo.

Seguro que non se van derrubar as presas hidroeléctricas de Iberdrola e Naturgy, nin outras actuacións que alteran a paisaxe, aínda que non estaría demais, por exemplo, substituír as tres liñas de alta tensión que atravesan unha gran parte da Ribeira Sacra ourensá e van paralelas, por unha soa, o que reduciría moito o impacto paisaxístico.

Mais tamén existen actuacións moito máis sinxelas sobre as que teríase que actuar, vou citar algunhas.

Na Cabeza da Meda, sobre todo na parte que da cara o Canón do Sil, e que presenta un aspecto desolador debido a que ardeu completamente fai uns anos e non se fixo absolutamente nada nesa zona, e noutras que arderon, poderíase perfectamente elaborar un plan para restaurar o terreo con prados e árbores autóctonos, co que melloraría a paisaxe e, sobre todo, revalorizaría un pouco a economía agraria.

Fai uns anos por parte da Xunta mellorouse a estrada Monforte-Castro Caldelas, e sen necesidade, durante as obras, tiráronse bastantes muros de pedra -sobre todo na parte de Lugo-, o que foi denunciado por donos de adegas e outras persoas. Isto poderíase corrixir e se non é posible xa repoñer os muros, deberíanse colocar quitamedos de madeira substituíndo ós de ferro, o que podíase perfectamente aplicar a toda a Ribeira Sacra.

Hai que mellorar moito a limpeza, non so a carón dos mosteiros e miradoiros, senón tamén nos arredores das igrexas das parroquias, e nos pobos. E inconcibible que por exemplo en Doade no concello de Sober, que é un lugar turístico importante, por culpa de dous ou tres porcalláns que teñen as súas casas e arredores cheos de sucidade, fagan deste pobo un dos máis feos de toda Galicia. Tamén se podían dar premios simbólicos ás casas mellor rehabilitadas ou aquelas que estiveran mellor adornadas, por exemplo con flores e reparar os muros e cancelos. Todo contribuiría a dar outro aspecto os pobos e a paisaxe.

A actuación da sección de patrimonio dependente da Xunta, que sería fundamental nesta zona, é deprimente. Converteuse nunha oficina burocrática, onde tardan unha eternidade en resolver un expediente, polo que a xente fai o imposible por non acudir, e seguen a facerse moitas cousas mal. Seguramente é por falta de persoal, mais o correcto sería que os funcionarios responsables deste servizo, moi necesario, acudiran con celeridade ó lugar no que se quere actuar, e con diálogo e senso común, se resolveran os expedientes nuns poucos días, e cando remate a actuación se volva a visitar, porque sen vixilancia non vale de nada o informe. Tampouco a axencia de protección da legalidade urbanística está actuando eficazmente.

Hai que recoñecer que a Ribeira Sacra abarca unha gran extensión e moitos concellos -nos que algúns teñen máis sensibilidade que outros-, e polo tanto e difícil amañar axiña os problemas, máis é unha pena que unha zona con tanta riqueza histórica, paisaxística, vitivinícola, e con outros moitos recursos, aínda a día de hoxe algunha xente teña que emigrar por falta de iniciativas para aproveitar o seu potencial. Menos mal que algunha xente de outras zonas, incluso de moi lonxe, ven estas posibilidades e veñen para asentarse. Benvidos.