«Para un público que non consume teatro profesional é a mellor noite»

Javier González Sobrado
javier g. sobrado OURENSE / LA VOZ

OURENSE

«Policía» ocupará a sesión previa á MIT de Ribadavia.
«Policía» ocupará a sesión previa á MIT de Ribadavia. Santi M. Amil

Teatro do Vilar protagoniza a preMIT, en apoio ao teatro afeccionado

14 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A MIT de Ribadavia comeza de xeito oficial este venres, mais a capital do Ribeiro ofrece dramaturxia desde antes. Este mércores, Teatro do Vilar, a compañía de teatro afeccionado de Ribadavia, representa a obra Policía, de Slawomir Mrozeck, na preMIT, a tradicional sesión previa á mostra. Bea Cendón é unha das integrantes deste grupo, formando parte do reparto e facendo «un pouco de todo».

-Cal é a importancia da MIT para o teatro afeccionado?

-Quizais para o teatro afeccionado a nivel provincial non é a plataforma, porque aquí todo é profesional. Pero para que Ribadavia siga mantendo un grupo de teatro é fundamental. Nós, en parte, é a única actuación que facemos.

-Pero supoño que si implica certo nivel de influencia nos ourensáns que se deciden a formar parte dun grupo afeccionado.

-Si. Agora en Ourense hai máis, pero durante moitos anos a mostra era o referente no teatro, e aquí vías compañías e actores de nivel, dos ámbitos nacional e incluso internacional. Ven moita xente que se dedica ao mundo do teatro, aínda que sexa de xeito afeccionado.

-Como se sinte ao actuar no mesmo escenario que as compañías profesionais?

-Temos que recoñecer que por parte da organización da mostra a nós dánsenos moitas facilidades. Actuamos cos mesmos equipos de son e luces que os profesionais. Iso para un grupo de teatro afeccionado é un luxo, un luxo moi grande. Despois, actuar no castelo... Ves que incluso as compañías profesionais chegan aquí e senten que é algo distinto, ao aire libre, coa xente toda metida... A mostra pónnolo moi fácil para actuar este mércores.

-Que se pode esperar desta sesión previa?

-Non se pode perder o punto de vista de que é un grupo de teatro afeccionado. Ti falo co mesmo sentimento que un grupo profesional, pero non hai que perder o norte. Pero si que é certo que para aquelas persoas que non estean acostumadas a ir ao teatro ou que non sexa a súa actividade favorita, é moi agradable de ver. As nosas obras é moi fácil que cheguen ao público. Para un público que normalmente non consume teatro profesional esta é a mellor noite. Facemos un teatro máis asequible e somos todos de por aquí, a xente coñécenos. As nosas obras son moito menos complicadas que as que podes topar na mostra, que ás veces son montaxes moi arriscadas e moi modernas ás que non todo o mundo está tan acostumado.

-Que pode contar de «Policía», a obra que representan este mércores?

-Policía é unha obra que ten moito trasfondo, un trasfondo de ideoloxías que podemos estrapolar á actualidade política. Aínda que está feita dunha maneira moi simple, os diálogos conlevan certa crítica política e social, dunha sutileza bastante grande na mensaxe. O que pasa é que esta mensaxe non está declarada con palabras explicitamente, tes que ir descubrindo a unhas personaxes que van mudando de ideoloxía a medida que pasa a obra. Hai unha crítica bastante actual. A obra representouna Ollomol Tranvía, é unha versión de Cándido Pazó.

-Como foron os ensaios?

-Complicados. Ensaiar con máscara é bastante complexo. Para un actor non ter a liberdade de expresión faise difícil. Pero intentarase facer o mellor posible.