Música do obradoiro provincial para Afonso X

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Gravan un vídeo no que o grupo interpreta a cantiga 77, adicada polo monarca a Galicia

15 jun 2021 . Actualizado a las 14:21 h.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle, ata o 15 de agosto, unha das exposicións máis singulares e interesantes das que se teñen creado en Galicia nos últimos anos. A mostra promovida polo Consello da Cultura e a Deputación de Ourense ofrece a maiores na súa etapa ourensá o valor engadido de ter unha sección dedicada á presenza de Afonso X nas terras ourensás e aportar documentación sobre algúns dos litixios ou iniciativas nas que se significou no que se refire á nosa provincia.

Ás actividades da mostra de Afonso X O Sabio sumouse a homenaxe que realizou o Obradoiro de instrumentos antigos da Deputación de Ourense. O obradoiro que dirixe Manuel Brañas celebrou o 800 aniversario de Afonso X gravando un vídeo no que o grupo interpreta a cantiga número 77, dedicada polo monarca a Galicia. Na interpretación que se recolle no vídeo empregáronse instrumentos do Pórtico do Paraíso que foron reproducidos no seu día no obradoiro provincial. Os mesmos son salterio e laude -empregado por Pancho Álvarez-, gaita -Manuel Brañas-, arpa -Carlos Castro-, zanfoña -Guillermo Brañas- e pandeiro -Olga Brañas-.

Con motivo da exposición que está aberta ao público no Centro Cultural Marcos Valcárcel o Obradoiro de instrumentos antigos da Deputación participa con varios instrumentos dos que figuran na catedral da cidade: unha rota e un organistrum do Pórtico e unha zanfona que aparece nas Cantigas de Santa María.

O Consello da Cultura Galega anunciou hai uns días que viña de pór na rede o catálogo da mostra Afonso X e Galicia. Pode consultarse en galego, inglés e castelán.

 Segundo sinala o Consello na súa páxina: «O catálogo é a guinda que lle faltaba ao pastel, dalle unidade e pecha o círculo», como indica o musicólogo e medievalista Antoni Rosell. Co catálogo o Consello celebra o 800 aniversario do nacemento do rei. A maiores, anunciouse que Patrimonio acordou liberar os códices das cantigas de Afonso X O Sabio.