Rogelio Martínez: «Expourense vai sobrevivir pese aos efectos da pandemia noutros recintos»

Rubén Nóvoa Pérez
rubén nóvoa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

El nuevo gerente dice que la pista de atletismo tendrá mayor protagonismo

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Rogelio Martínez estrease este fin de semana coa primeira feira ao fronte de Expourense. Tomou posesión a mediados de maio e recoñece que o equipo do recinto feiral tiña ganas de pasar páxina da pandemia. Mostrase optimista, dentro do difícil escenario para este tipo de espazos, de cara ao futuro.

-¿Como están a ser estas primeiras semanas no cargo?

-O contexto é complexo. Isto non ten nada que ver co que era hai dous anos, porque pasou máis dun ano sen actividade de cara o exterior. Incluso estivo en entredito o futuro dos pavillóns de feiras. Fitur foi ese pistoletazo de saída a nivel nacional e todo o mundo alí coincidía en que ‘si sale bien Fitur, arrancamos’. E a verdade é que Fitur saíu moi ben a pesar de ser nun mes en que non se vende turismo de verán.

-O arranque de Expourense está a ser este fin de semana, ¿que supón para vostedes?

-Aquí tiñamos unha dificultade engadida porque estas instalacións adícanse a vacinación. Considerando que é unha prioridade hai que intentar compatibilizar. Estamos con moitos ánimos e con gañas, por exemplo, no caso do Car Outlet. Logo virá Vinis Terrae, que é outro centro de negocio moi importante para un sector moi danado por esta pandemia.

-¿Foi difícil chegar a un acordo para que se mudara a campaña de vacinación masiva?

-Non foi fácil, pero ao final todo o mundo o entendeu. Tendo o ofrecemento do Paco Paz púidose levar a cabo sen que os afectados o noten. Aquí mantéñense as instalacións do Sergas e ao quedar libre de feiras, volverán. Entendemos que cando un está cómodo nun sitio non quere cambios, pero hai que compatibilizar e darlle oportunidades a sectores da provincia para que fagan negocios, que é para o que naceu esta casa.

-¿Serán moi diferentes as feiras?

-Basicamente, teremos que controlar aforos, tomar temperaturas nalgúns casos... Tamén é verdade que de cara ao verán a pandemia irá a mellor. Pero nós temos unha serie de feiras que non se poden perder. Xantar, por exemplo, cambiouse de febreiro a novembro, que é unha boa época para prolongar o verán. O que percibimos é que a xente e os empresarios teñen ganas de volver á normalidade. Este vai ser un ano de transición tras un ano practicamente nulo a efectos feirais.

-¿Terá Xantar restaurantes?

-Estamos vendo que hai que reducir moito o aforo e ter máis controles. Tamén vemos que hai unha boa evolución da pandemia. A idea é manter o espírito da feira con todos os cambios que teñan que facerse. O que si temos claro é que sexa un cambio de data definitivo.

-¿Nesa decisión inflúe a pista de atletismo?

-Aquí fíxose unha pista de atletismo cuberta, que todo o mundo di que é a mellor de España, e hai que sacarlle rendemento. Para iso fai falta organizar todos os eventos deportivos que se poidan. As grandes feiras son incompatibles coa instalación deportiva. Nos últimos anos de Xantar sacábase a pista e volvíase a montar, agora co cambio de data xa non será necesario. A pista desmontarase unha vez ao ano e debe funcionar de mediados de novembro a marzo ou abril. Ímoslle dar a esa pista o protagonismo que debe ter.

-¿Ten futuro Expourense?

-Vía con temor o futuro dos pavillóns de feiras e exposicións, pero nos días que levo aquí tiven a posibilidade de falar con moita xente que vai usar estas instalacións e cos membros do padroado e vin que hai ganas de seguir apoiando e axudando. Con esas ganas, isto vai a saír adiante. Expourense ten un funcionamento diferente. Aquí sempre fixo unha xestión directa das feiras e aquí saíron feiras de carácter internacional posicionadas no mercado como Termatalia, Xantar ou Funergal. Creo que Expourense vai a seguir sobrevivindo pese aos efectos que a pandemia está a causar nos recintos feirais. Algúns quedaron polo camiño, pero creo que quedarían igual aínda sen pandemia.

«Eu vin nacer moitas feiras e non sei se haberá algunha á que non haxa asistido»

-Mantivo un encontro institucional co alcalde de Ourense e tiveron boa sintonía. ¿Preocúpalle esa relación co Concello tendo en conta que Jácome chegou a falar incluso do recinto feiral como un «tumor»?

-Sabemos das súas reticencias anteriores, pero tamén e verdade que tiña moito interese nas actividades deportivas da pista de atletismo. Debe ter o corazón partido. Desde logo o Concello de Ourense seguiu participando e colaborando con esta casa, e creo que institucionalmente iso é o que toca facer e estou convencido que a pesar desas reticencias co recinto feiral vai a seguir estando aí e axudando.

-Expourense ven dunha etapa moi longa con Alejandro Rubín cunha liña de actuación moi marcada á que lle deu continuidade Emma González. ¿Cal será o perfil que adopte Rogelio Martínez?

-De Expourense está claro que se foron dous estandartes desta casa, pero tiñan detrás un equipo ao que lle hai que recoñecer o traballo ben feito durante moito tempo. Eu quero axudar a que esa xente o siga facendo coas mesmas ganas e intelixencia que o leva facendo estes anos. Estou aquí para axudar a sacar adiante esta casa. Xa tiven oportunidade de estar co presidenta da Deputación e queremos levar moitas actuacións conxuntas.

-¿Botaba de menos a primeira liña tras o paso pola Xunta?

-Botaba de menos a actividade. Vivín toda a miña vida sendo un xestor, porque sempre me considerei máis xestor ca político. Isto non deixa de ser un posto vinculado a unha xestión dunha actividade. Entendo que estou onde podo aportar a miña experiencia e estou moi contento. Esta casa a coñezo moito porque estiven no seu padroado moitos anos. Eu vin nacer moitas feiras e non sei se haberá algunha feira a que non haxa asistido.