Mariví Núñez, presidenta de Cruz Vermella en Valdeorras: «Coa pandemia, xente que nunca precisara a nosa axuda veu pedila»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

OURENSE

Mariví Núñez é voluntaria de Cruz Vermella desde 1993
Mariví Núñez é voluntaria de Cruz Vermella desde 1993 LOLITA VÁZQUEZ

No 2020, 3.000 valdeorreses participaron nalgún dos programas da ONG

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariví Núñez é enfermeira no Hospital Comarcal de Valdeorras. Con esa frase preséntase ela mesma, aínda que polo menos no Barco é difícil non saber quen é. Nacida no barrio de san Roque, habitual en eventos solidarios, faladora e cun sorriso sempre (que agora se adiviña na mirada e no ton de voz doce), non camiña cen metros sen saudar a varias persoas. E continúa presentándose: «A enfermería é a miña paixón. Aínda que antes fixen Maxisterio, tiña claro que o meu era coidar e levoume todo iso a facer Enfermería e a desenrolar o traballo que levo facendo, dez anos en atención primaria e o resto no hospital».

-E con esa premisa non era difícil pensar que acabaría en Cruz Vermella. ¿Como foi?

-Tomei contacto na etapa de Aurelio Blanco Trincado na presidencia. Daquelas xa organizaban cursos de primeiros auxilios e facíase todo aquí con persoal do hospital do Barco. Empecei a impartir a parte de enfermería, de atención a vendaxes, inmobilizacións e todo iso; e xa quedei como voluntaria. Era o ano 1993, o mesmo no que acabei de estudar Enfermería e xa empecei a dar eses cursos. Desde entón quedei como voluntaria, unhas veces máis activa e outras menos, por motivos persoais, pero sempre como voluntaria. E seguireino sendo sempre. Despois, fai uns dez anos, coa chegada de Mino Alonso á presidencia, xa asumín a vicepresidencia xunto a outras dúas persoas. E desde así a miña actividade foi constante.

-E agora dá o paso á presidencia.

-O verán pasado Mino díxome que quería deixalo [aínda que seguirá como vicepresidente] nuns meses e que pensaba que eu era a persoa. E aceptei. Asumín o cargo fai apenas quince días. Fágoo con moito ánimo e ganas de continuar co traballo que empezamos un día.

-¿Que suporá o cambio?

-A liña é a mesma: que é atención ás persoas que o precisen. Haberá ideas novas, e intentaremos que siga funcionando todo ben. Haberá aportacións novas, segundo vaian xurdindo programas; pero de momento estamos centrados en seguir na liña que xa tiñamos.

-¿Como afectou a pandemia á ONG?

-Como en todos os sitios, houbo que paralizar proxectos, aínda que sempre se mantivo o contacto telefónico cos usuarios que así o precisaban. Seguiu o traballo dos voluntarios, intentando chegar a todos aqueles que tiñan unha necesidade que non podía ser demorada.

-¿Medrou a demanda?

-Si, moito. No 2020 fixemos desde Cruz Vermella Valdeorras máis de 18.000 intervencións, que afectaron a 3.000 persoas, que é máis que en anos anteriores. Houbo moitos casos de xente que pola pandemia quedou sen traballo o e que precisou axuda, xente que ata agora nunca precisara da axuda de Cruz Vermella veu pedila.

-¿Xa conseguiron recuperar a normalidade?

-Aínda non. Estamos retomando todos programas, pero cunhas medidas moi estritas [para evitar contaxios] tanto por parte dos usuarios como dos traballadores e voluntarios, cumprindo todas as normas legais de número, pero estase empezando a recuperar a presenza física.

-¿Cal é o servizo con máis demanda?

-A atención a maiores é o programa por excelencia, e tamén temos o programa de xuventude e o de inserción laboral, que é moi importante. En conxunto, atendemos ás persoas en todas as facetas ás que podemos chegar. Iso si, agora faise dunha maneira distinta a como se facía anteriormente, porque aínda non se poden facer actividades en grupo grandes como tiñamos antes, pero aínda así estase atendendo a todo o mundo.