A biblioteca de Ourense bota unha ollada feminina a Nós

La Voz OURENSE

OURENSE

Cedida

Durante o mes de xuño poderá visitarse unha exposición sobre as mulleres que colaboraron ca emblemática revista

31 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Biblioteca Pública Nós de Ourense dedicará as mostras de xuño ás mulleres que contribuíron cos seus escritos nas páxinas da Revista Nós, ao centenario do cineasta Luis García Berlanga e ao orgullo LGTBIQ+. Unha charla sobre a endometriose completa a programación do vindeiro mes, xunto ao resto das actividades habituais. 

A través da mostra As mulleres de Nós, as persoas que se acheguen á biblioteca poderán coñecer as só nove escritoras que colaboraron na revista, as galegas Francisca Herrera, María Sánchez, Carmen Somoza, Purificación González, Dolores Fernández, Josefa Rodríguez e María Pura Lorenzana, así como a irlandesa Annie MacSwiney e a alemá Margot Sponer. 

O cineasta Luis García Berlanga será outro dos protagonistas do mes de xuño, co gallo do centenario do seu nacemento, o día 12. Para lembralo, habilitarase unha mostra das súas obras, libros sobre a súa figura e proxectaranse documentais.

Ademais, a conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ o vindeiro mes terá tamén o seu espazo na biblioteca pública, con diversas accións divulgativas.

Outras actividades

No que se refire ao público infantil, ao longo de xuño seguirán organizándose as sesións a prol da animación á lectura, con Contiños con Susana, os martes 1 e 8, para nenos de catro a sete anos, e Mércores de Bebecontos, os días 2 e 9, para os de dous a catro anos.

O día 3, os que teñan máis de seis anos poderán participar no obradoiro de papiroflexia Natureza sobre papel, enmarcado na celebración do Día do Medio, o 5 de xuño. Para este grupo de idade tamén terá lugar un encontro con Arancha Nogueira, autora de A mestra corremundos, que percorrerá a vida das ourensás Pura e Dora Vázquez, o día 10.

Por outra banda, continúa o obradoiro de cómic para maiores de 12 anos, no que afondan na ilustración e nos aspectos da creación da banda deseñada. Realizarase os sábados 5 e 19 co debuxante Yago García.