Un novo libro recompila a obra do etnógrafo Xaquín Lorenzo

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O Museo do Pobo Galego e o Parlamento de Galicia entregaron en Lobeira un exemplar da obra no día no que se festexaba a romaría do Viso, festa popular estudada por Xocas

24 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura e a obra do etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas (Ourense, 1907 - Facós, Lobeira, 1989), segue sendo motivo de estudo. Un novo traballo Xocas revisitado. Lembranza de Xaquín Lorenzo Fernández, vén de ser editado polo Museo do Pobo Galego co patrocinio do Parlamento de Galicia. O presidente da asamblea, Miguel Santalices, entregou onte un exemplar da obra ao alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias. A entrega fíxose no día de celebración da romaría da Nosa Señora do Viso, unha celebración popular que foi obxecto de estudo polo etnógrafo ourensán. No santuario de Viso congregáronse onte ducias de feligreses e veciños da contorna, pois esta é unha das celebracións marianas máis populares da comarca da Baixa Limia.

O libro recompila varios traballos, entre eles os contidos da sesión académica que se celebrou o 18 de xullo de 2019 en Ourense, coincidindo co trixésimo aniversario do pasamento de Xocas. Presentarase ao público o mércores en Santiago.

Xaquín Lorenzo está vinculado a Lobeira, onde pasou a infancia na casa familiar de Facós -adquirida recentemente polo Concello e pendente de ser restaurada- e onde finou en 1989. Na Porta do Xurés de Lobeira entregouse o libro nun acto no que participaron o director do Museo do Pobo Galego e a vicepresidenta do Padroado.