Un traballo sobre a raíz galega do escritor luso Eça de Queirós gaña o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

La Voz OURENSE

OURENSE

Os xurados dos premios de Ciencias Sociais e Literatura Fantástica reuníronse na sede de Allariz
Os xurados dos premios de Ciencias Sociais e Literatura Fantástica reuníronse na sede de Allariz Fundación Vicente Risco

O galardón de literatura fantástica quedou deserto

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O xurado do XXV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais reuniuse este sábado 22 de maio en Allariz para fallar o galardón tras valorar a calidade das obras presentadas.

Os membros do xurado acordaron conceder o premio á obra «A costela galega de Eça de Queirós». Consideran que se trata dun traballo «ben estruturado con rigor científico e destinado a un público amplo de Galiza e Portugal». A obra demostra a raíz galega de Eça de Queirós, achegando documentación administrativa e histórica. A xenealoxía tamén reflicte «un pormenorizado retrato das relacións comerciais, culturais, sociais e humanas entre o sur de Galiza e o norte de Portugal entre os séculos XVII e XIX», segundo recolle a acta do premio. 

O xurado concedeu tamén dous accésits con dereito a publicación. Son para os traballos «Da ría ás Rías Baixas. Paisaxe, turismo e territorio» e «O corpus christi de Allariz». Ao primeiro, polo seu rigor científico e porque pode ser unha base para investigacións futuras, e o segundo polo tratamento da documentación inédita sobre esa festa.

Fronte a calidade das obras no eido das Ciencias Sociais, o xurado VI Premio Vicente Risco de Literatura Fantástica acordou deixar deserta esta edición por considerar que ningunha das obras presentadas reunía a calidade suficiente para obter o merecemento.