Música e moita letra para recordar a Xela

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Entre as celebracións na provincia polo día do galego houbo lecturas da homenaxeada, mercados de libros e espectáculos moi visuais

18 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A provincia de Ourense encheuse dos versos da lucense Xela Arias para lembrala no Día das Letras Galegas. Na Praza Maior de Ribadavia realizaron unha lectura dos textos da poetisa pola mañá, que contou coa participación de varios colectivos do municipio e de veciños que quixeron honrar a memoria da autora de Lugo. En Xinzo montaron un mercado de libros en galego, cun 20 % de desconto, na Praza Maior, e mozos e maiores desfrutaron dun espectáculo orixinal de Xarope Tulú. Dramaturxia e narración oral danse a man en De ti e mailo mundo que apañes co fin de presentar a figura de Xela, facendo un percorrido pola súa vida e pola súa obra. A mesma función programaron no Barco de Valdeorras, onde a praza Andrés de Prada encheuse de veciños con ganas de coñecer máis sobre a poetisa.

No Liceo ourensán inaugurouse unha exposición filatélica especial polas Letras Galegas 2021. Nela poden contemplarse diferentes coleccións relacionadas co día do galego e tamén cos distintos autores aos que se lle ten adicado esta data. A mostra, que conta coa colaboración da Sociedade Filatélica Miño, estará no espazo cultural situado na rúa Lamas Carvajal ata o 30 de maio. Orixinal foi tamén a celebración que fixeron en Barbadás. Cativos e maiores quedaron sorprendidos coa actuación do grupo Especialistas Hípica Celta, que interpretaron o espectáculo Xela Arias fala coa natureza.

En A Rúa o festexo estivo en mans da agrupación Abertal, composta polos alumnos da escola de música e baile tradicional do municipio. Os xoves intérpretes valdeorreses realizaron un pasarrúas polo centro do pobo, que rematou cun acto de homenaxe na Praza do Concello. Alí tampouco faltou a música nin a tradición, que puxeron as actuacións da banda de gaitas, do grupo de baile e das pandeireteiras.

Moito son e poesía foron o centro da celebración na Insua dos Poetas, organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de O Carballiño. O grupo 4 Mal Quartet deu un concerto no parque situado na Esgueva, do que desfrutaron decenas de carballiñeses. Ao rematar a música foi a quenda para os poetas Rochi Novoa e Quico, que recitaron os versos de Xela Arias nun acto emotivo e empapado de beleza. Tamén cun concerto festexaron o Día das Letras Galegas no municipio de Celanova. No seu caso fixérono cunha actuación da Banda de Música. Nesta ocasión contaron coa colaboración da cantante Belén Monís e do gaiteiro José Nabor Gómez, que encheron de son galego o Claustro Barroco celanovense. Na vila alaricana tamén houbo bo ritmo, nesta caso mesturado con interpretación, no espectáculo Noviña, das artistas María Mendoza e Nate Borrajo.

A celebración do día do galego chegou incluso á aldea de Santa Baia de Montes, en Cualedro, ata onde se achegou Xosé Lois Foxo, director da Banda de Gaitas de Ourense, para gravar ás cantareiras que aínda quedan naquela pequena localidade. Margarita Fernández, de 99 anos, Basilisa Sotelo, de 80, e Justo Ferreiro, de 76, cantaron mentres fixeron soar as clásicas latas de pimentón, unha forma popular de facer música, e cantaron no día adicado a Xela Arias.