Así celebra Ourense as Letras Galegas

OURENSE

cedida

A provincia énchese de recoñecementos e actividades en honor a Xela Arias

18 may 2021 . Actualizado a las 10:18 h.

Ourense segue festexando o Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias. O Campus de Ourense organizou un bo puñado de iniciativas para estes días. Entre elas dúas exposicións sobre a vida e obra da poetisa lucense, unha na Facultade de Educación e Traballo Social e outra no Espazo Xove da Xunta.  

 

En O Barco continúan con varios días de festexos. No municipio valdeorrés, o mércores, na praza Andrés de Prada, será a quenda para «A todo Risco», unha proposta na que Avelino González afondará na Xeración Nós, ás 20.00 horas. O día 21 haberá unha actividade de monicreques para os máis pequenos no Teatro Lauro Olmo, tamén ás oito. E o 28, rematan os actos coa interpretación, por parte de Sarabela Teatro, de «A lingua das bolboretas». 

Por outra banda, ata o día 31, nos escaparates dos comercios asociados ao CCA do Barco poden verse as 56 fotografías feitas polos alumnos dos colexios Condesa Fenosa, Divina Pastora, Julio Gurriarán, Otero Pedrayo, e os IES Lauro Olmo e Martaguisela, dentro da campaña «Revelando a Xela», organizada en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos. A directiva do CCA escollerá as seis imaxes gañadoras, e os seus autores recibirán 25 euros para gastar en material escolar nas librerías Caprichos, Murciego, Praxis e Yoli.

En Xinzo de Limia haberá máis actividades ademais das pensadas para este luns. Aos escolares dos CEIP de Xinzo de Limia diríxese o espectáculo «O exército das paxariñas», con Soraya Lema e coa música en directo de Adela Ríos. Será o xoves 20 de maio, a partir das once da mañá. O día 23, no auditorio da Casa da Cultura ás 19.00 horas, proxectarase o documental titulado «Xela Arias, poeta nas marxes», que se acompañarás dun coloquio ca directora da obra, Beatriz Pereira.

En Trives, o domingo 23 na praza do Reloxo poderase ver o espectáculo «Xera Arias fala coa natureza», bra familiar e didáctica na que se combina danza, teatro, música e poesía. O día 29 no auditorio Julio Vázquez proxectarase o documental «Xela Arias. Poeta nas marxes”, de Beatriz Pereira. En Castro Caldelas, a asociación Tarabela organizou para o luns unha feira de artesanía produtos locais. Na carballeira do Museo Etnográfico Loiro (en Barbadás) celebrarase un acto de recordo a Xela Arias ás 18.00 horas.