Ribadavia empápase de actividades para homenaxear a Xela Arias

La Voz OURENSE

OURENSE

Retrato de Xela Arias
Retrato de Xela Arias Xulio Gil

Entre as iniciativas hai exposicións, encontros con escritoras e roteiros

12 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Ribadavia encherase estes días da vida e obra de Xela Arias grazas ás actividades organizadas para celebrar o Día das Letras Galegas. A primeira cita será este venres ás 12.00 horas, cando se inaugura unha exposición explicativa sobre a figura da poeta. Estará ata o 21 na Alameda do municipio e do 22 ao 30 na Praza Buxán. Pola tarde, ás catro, Andrea Otero e Julio Catalán encargaranse de pintar un mural sobre as letras na rúa Carlos Casares.

O sábado haberá un encontro coas escritoras Estíbaliz Espinosa, Malores Vilanueva e Oriana Méndez, no salón de plenos ás 12.00 horas. Un pouco máis tarde, ás 19.00 horas, tocará espectáculo infantil de maxia na Madalena. O domingo haberá un roteiro polas rúas de Ribadavia, Prexigueiro, Francelos e Franqueirán; mentres que o luns recorrerá Ventosela, Sampaio, Santa Critina e San Cristovo.

Eladio Rodríguez presentará o seu libro Unha viaxe entre soños no Auditorio do Castelo, o domingo ás 12.00 horas. E o mesmo día, os pequenos do municipio desfrutarán de unha obra de teatro, Mercedes quere ser bombeira. As actividades rematan o luns, 17 de maio, cunha lectura da poesía de Xela Arias na Praza Maior pola mañá e unha sesión de debuxo con modelo pola tarde, ás seis na Madalena. Pecha o programa a obra teatral Running, ás 19.30 horas.

Ata o 20 de maio, na Biblioteca Municipal estará dispoñible unha mostra bibliográfica da homenaxeada nas Letras Galegas, con libros que poderán consultarse e collerse prestados para ler.