«É prioritario achegar a figura de Otero Pedrayo aos estudantes»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

José Eduardo López Pereira quere vincular ao escritor de Trasalba coas novas xeracións

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O ourensán José Eduardo López Pereira, catedrático de Latín da Universidade da Coruña, naceu en Trasalba (Amoeiro) en 1954, sesenta e seis anos despois de que o fixera Ramón Otero Pedrayo. O director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia recorda con especial cariño a súa relación co escritor xa dende cativo: «Con só seis ou sete anos, acompañábao algunhas tardes, e dende entón tiven contacto con el constante. Cando me fun a Salamanca a facer Filoloxía Clásica, alegrouse moitísimo». De feito aquí xurde unha das anécdotas máis especiais entre Eduardo e o autor: «Como regalo, dedícame o seu gran libro Arredor de si dicindo que chegaría a ser doutor, e ben non se equivocaba, porque me doutorei pola Universidade de Santiago. E cando escribo o meu primeiro artigo científico xa coma profesor en Compostela, en 1974, mándame unha nota na que me felicita polo texto e me di que chegarei a ser catedrático. Así foi». O que non imaxinaba naquel momento Otero Pedrayo era que ese mozo se convertería no novo presidente da fundación que leva o seu nome.

-Como afronta a presidencia?

-Para min é a cima do meu currículo e faime moitísima ilusión pola estreita relación que tiven co escritor. Ademais hai moi poucas fundacións que poidan facer gala do nivel institucional, intelectual e cultural co que conta o padroado da de Otero Pedrayo. É unha aventura na que estou moi ben acompañado, porque na miña comisión de goberno está a decana da Facultade de Historia de Ourense, Susana Reboredo; tamén a investigadora e experta no autor de Trasalba, Patricia Arias Chachero; o arquitecto Iago Seara; e o director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro. Traballaremos coma un equipo, cóbado con cóbado para levar a cabo todas as accións que nos propoñamos nestes próximos catro anos.

-Cales son eses obxectivos?

-Son varios, pero vou empezar polos que levan máis sentimento implícito. O primeiro sería achegar a figura e a literatura de don Ramón aos estudantes de Bacharelato, porque cada vez somos máis vellos os que estamos aí no padroado. É un autor fundamental que non se pode esquecer e para iso pretendemos crear un premio dirixido a estes rapaces, co que agardamos arrancar xa no curso que entra.