A poesía de Xela Arias enche a cidade

OURENSE

DUVI

O Campus e o Espazo Xove albergan mostras sobre a vida e obra da escritora

07 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A proximidade do Día das Letras Galegas provocou que un gran número de espazos da capital se enchan da vida e obra de Xela Arias.

O Campus de Ourense faise eco da celebración desde que este luns se instalou a exposición «Aquela nena de Sarria», que conta os primeiros anos de vida e formación da escritora. Neste caso é a Facultade de Educación e Traballo Social a que alberga esta mostra e na que se poderán desfrutar ademais as distintas actividades relativas á celebración do 17 de maio que organizan na universidade.

A programación no Campus continuará o día 13 de maio coa xornada «O Día das Letras con voz de muller: de Rosalía de Castro a Xela Arias». Neste acto entregaranse os Premios 2021 de Poesía, Relato e Tradución da Universidade de Vigo. Ademais, Chus Nogueira ofrecerá a conferencia «A independencia total e gratuíta. A vida e a obra de Xela Arias», e Clara Pino e Pablo Vidal, porán música a poemas de Rosalía de Castro e Xela Arias.

Pasado o día das letras, as actividades continuarán o 21 de maio cunha mostra de traballos dos alumnos do edificio de ferro; unha conferencia impartida por María Yañez, de nome «Tras os pasos de Xela Arias»; e outra ofrecida por Emma Pedreira, chamada «Tupper X. Abrindo as caixas da poesía». O día rematará coa presentación musical do libro-álbum «O globo vermello», de Xosé Constenla. Será tamén este día o último para visitar a mostra «Xela Arias. A poesía do retrato», que desde o día 11 de maio estará nos xardíns do campus.

Amais da Universidade, o Espazo Xove da Xunta en Ourense tamén celebra as proximidades do Día das Letras Galegas coa exposición «Aquela Nena de Sarria», que este luns inaugurou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.