A nova película de Alfonso Zarauza rodarase en O Irixo e Boborás

La Voz OURENSE

OURENSE

Alberte Paz Garza

O proxecto, protagonizado por Melania Cruz e Xulio Abonjo, contará co apoio económico da Deputación de Ourense

05 may 2021 . Actualizado a las 19:35 h.

A provincia de Ourense volverá ser escenario para unha nova película, Malencolía. Trátase dun filme dirixido polo cineasta de Compostela Alfonso Zarauza, de produción integramente galega e que comezará a rodarse en distintas localizacións de O Irixo e Boborás a partir do vindeiro 17 de maio. O proxecto contará co apoio económico da Deputación de Ourense. O presidente do goberno provincial, José Manuel Baltar, afirmou na firma do convenio de colaboración con Zarauza que agarda seguir convertendo a Ourense nun enorme plató de cine. «Seguro que este é un novo éxito do director, logo deses nove galardóns que conseguiu nos premios Mestre Mateo coa película Ons», engadiu. Tamén expresou o desexo de estrear Malencolía durante anova edición do OUFF.

O director e produtor gabouse por sacar adiante unha produción «netamente ourensán xa desde o seu propio título, pois a malencolía é un concepto do poeta ourensán Curros Enríquez que define un estado de ánimo fermoso que é a felicidade de estar triste», tal e como expresou durante a firma do convenio. Na película, na que se mesturan os xéneros de terror e comedia, participan os actores Melania Cruz, Xulio Abonjo, Iolanda Muíños, Diego Anido, Ledicia Sola e Tito Asorey.